Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O proceso de aprobación do plan especial do conxunto histórico de Tui segue avanzado

16/05/2013

* O PSOE de Tui anuncia o informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do que xa dera conta o goberno municipal o pasado 14 de marzo


* O informe da DX de Patrimonio corresponde ao documento inicial xa profundamente modificado coas alegacións presentadas


* Este informe é un documento de traballo no proceso administrativo de aprobación do Pepch no que solicita diversas correccións que se están contemplando

 

Mércores, 15 de maio de 2013. No día de onte o grupo municipal socialista do Concello de Tui enviou unha nota de prensa informando que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu o seu informe sobre o documento inicial do Plan Especial do Conxunto Histórico de Tui o pasado 24 de xaneiro. Unha información que este goberno municipal tudense fixo pública mediante unha nota de prensa o pasado 14 de marzo de 2013.

 

Nunha nova oportunidade o grupo municipal socialista pon en evidencia o seu completo “despiste” sobre a vida municipal de Tui, pois resulta claro que non coñecen o que vai acontecendo nin sequera o que se publica nos medios de comunicación.  O Grupo Municipal Socialista mesmo segue falando de conxunto histórico-artístico cando esta terminoloxía xa está superada dende a Lei de Patrimonio do ano 1985.

 

O informe da Dirección Xeral non é “demoledor” como indican os socialistas senón que entra nas dinámicas normais de traballo na redacción dunha figura de planeamento tan importante como é este Plan Especial. O goberno municipal e o equipo redactor están traballando conxuntamente coa Dirección Xeral na elaboración do Pepch, tal como queda en evidencia logo da xuntanza do pasado venres celebrada en Santiago con asistencia da Directora Xeral e do Alcalde de Tui cos seus equipos técnicos e da que se informou onte con nota de prensa.

 

Para clarexarlle ao grupo municipal socialista e á opinión pública cómpre reiterar o enunciado na referida nota de prensa do 14 de marzo:

 

1.- Este informe achegado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia corresponde ao documento do Pepch enviado polo Concello de Tui con data  2 de abril de 2012.

 

2.- Nos meses posteriores a esta data foi completado o período de alegacións públicas a este Plan presentándose 122, que posteriormente e tras a súa análise polo equipo redactor foron asumidas en máis dun 60% nun novo documento do Plan Especial presentado polo equipo redactor para a súa aprobación provisional.

 

3.- Este novo documento para aprobación provisional xa contempla numerosas das consideracións contidas no informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural referido a aquel primeiro documento.

 

4.- O Concello de Tui valora positivamente este informe pois era imprescindible para comezar un traballo de diálogo entre o Equipo redactor, o Concello e a Dirección Xeral para acordar un documento definitivo do Pepch. Estamos, sinala o rexedor tudense Moisés Rodríguez Pérez, diante dun procedemento administrativo onde é normal que existan estas discrepancias técnicas e que agora nun proceso de diálogo confiamos superar, pois todos os implicados temos o mesmo obxectivo final: a conservación do conxunto monumental tudense.

 

O goberno municipal tudense amosa a súa confianza no equipo redactor que ten traballado con plena liberdade neste documento que no prazo mais breve posible se someterá á súa aprobación provisional e para elo se convocará oportunamente a Comisión de Seguimento do mesmo. Ata agora o traballo que se realiza é de caracter técnico, pois moitas das diverxencias enunciadas pola Dirección Xeral de Patrimonio no seu informe corresponden a criterios dese caracter que están sendo solventados nas xuntanzas celebradas ata agora cos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio e que respostan a un plan de traballo conxunto.

 

O goberno municipal de Tui expresa o seu compromiso e vontade de lograr aprobación do Plan Especial do Conxunto Histórico co máximo acordo dos grupos políticos municipais pois todos teñen como obxectivo a conservación e revitalización do noso conxunto patrimonial.