Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O pregón de Carlos Pérez-Fonterosa Antón abre o sábado as Festas de San Telmo 2019

17/04/2019

Patricia Moon presentará en concerto o seu último traballo “Rock&Love” e Pablo Méndez porá en escena a súa performance “Quimera”

As festas de San Telmo 2019 comezan oficialmente este sábado, 20 de abril, ás 19 h no Teatro Municipal coa lectura do pregón a cargo de Carlos Pérez-Fonterosa Antón, recoñecido comerciante e filatelista de 89 anos , posuidor dunha valiosa colección filatélica sobre o Camiño de Santiago, coa que gañou varios certames e que mesmo amosou na China.  Foi fundador do Grupo Filatélico e Numismático tudense, tenente de alcalde do Concello de Tui durante o  mandato do alcalde Casal Aboy, e tesoureiro da Cámara de Comercio de Tui, entre outros cargos. No acto intervirá o alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, e a nota musical correrá a cargo da Banda de Gaitas de San Xoán de Paramos.

A continuación, ás 20 h, na sala Xacobeo da Área Panorámica inauguraranse as exposicións “Surge et ambula. A memoria do Teatro Principal” e “70 anos da escultura de Rosendo Salvado”. Abrirán de luns a venres de 17h a 21.30 h e o sábados, domingos e luns de San Telmo de 11.30 a 14.30 h e de 17.00 a 21.30 h.

A Banda de Gaitas de San Xoán de Paramos e os xigantes e cabezudos realizarán un pasarrúas até a praza da Inmaculada onde ás 21 h está previsto o acendido do alumeado das festas.

Banda de Gaitas de San Xoán de Paramos

Ás 21.15 h na rúa Ourense Pablo Méndez Performances presenta o seu novo espectáculo “Quimera” baseado na maxia da natureza e no que se mesturan os soños e a mitoloxía.  Pablo Méndez sorprende ao espectador cunha proposta moi visual a acrobática cunha coidada selección musical que cativará ao público. Esta actuación estaba prevista inicialmente no Paseo da Corredoira pero por necesidades técnicas e de capacidade para o público trasladouse cara a rúa Ourense.

Pechará a primeira noite das festas a viguesa Patricia Moon e a súa banda nun concerto presentación do seu terceiro traballo discográfico “Rock&Love” no que interpretará os temas do seu rock lunático no que mestura rock, soul, blues, música clásica… Tamén achegará algún dos temas de Amy Winehouse que forman parte do proxecto que leva a cabo xunto ao guitarrista da cantante Robin Banerjee. A cita será  ás 22.30 h no Paseo da Corredoira.