Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Plan de Dinamización da Área Rexurbe Municipal estará rematado este verán

6/07/2022

Antes de que remate o verán o Concello de Tui agarda ter rematado o Plan de Dinamización da Área Rexurbe Municipal. 

Esta semana o alcalde, Enrique Cabaleiro, analizou en detalle as diferentes actuacións que inclúe o documento co director xeral do instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García. Foi nunha xuntanza de carácter técnico na que analizaron o contido e os últimos avances na redacción do plan de dinamización da Área Rexurbe do municipio, declarada o ano pasado e unha das seis existentes a día de hoxe en toda Galicia.

 Cómpre lembrar que o plan de dinamización é o instrumento que marcará a folla de ruta a seguir para a posta en valor do ámbito incluído na área Rexurbe, que abrangue todo o conxunto histórico declarado Ben de Interese Cultural e tamén outras zonas da súa contorna, como o Paseo da Corredoira, Bispo Lago e Martínez Padín N-550.

 O rexedor tudense confirmou que xa están ultimando o plan e que a previsión municipal é poder presentalo ante o IGVS antes de que remate o verán, de modo que quedaría listo para a súa aprobación por parte do Consello da Xunta este mesmo ano.

 Noutra orde de asuntos, Heriberto García e Enrique Cabaleiro falaron tamén sobre a última convocatoria do programa Rexurbe, publicada o pasado 8 de abril e que inclúe a Tui entre os municipios nos que se prevé a adquisición de inmobles para destinalos a vivenda protexida en réxime de alugueiro.

Tras lembrar que o IGVS ten reservados este ano 200.000 euros para compras neste concello, o director xeral lembrou que os propietarios de edificios para rehabilitar ou de solares edificables en Tui teñen aínda ata o 15 de xullo para presentar as súas ofertas. Ao respecto, indicou que as persoas interesadas na venda dalgún inmoble da súa propiedade deben dirixir un escrito á dirección xeral do IGVS, axuntando a documentación que se indica na oferta publicada no DOG.

Cómpre lembrar que a Xunta xa é propietaria de 4 edificios en Tui —emprazados en San Telmo 44, Cuenca 18 e 42, e Bispo Castañón 20—, adquiridos no marco das convocatorias do programa Rexurbe de 2019 e 2021 por un importe total de máis de 300.000 euros.

Por último, o alcalde tamén lle trasladou ao representante da Xunta o seu interese por promover en Tui a declaración dun entorno residencial de rehabilitación protexida, o que lle permitiría acollerse ao novo programa de axudas á rehabilitación a nivel de barrio, que se convocará proximamente e estará financiado con fondos europeos do Next Generation.