Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O mércores 5 de decembro inaugúarse a exposición "Xente no Camiño" de Alfredo Erias

3/12/2007

ESTE MÉRCORES 5 DE DECEMBRO ABRÉSE AO PÚBLICO A EXPOSICIÓN “XENTE NO CAMIÑO” DE ALFREDO ERIAS 

Este mércores 5 de decembro ás 20,30 horas procedérase ao acto de inauguración da exposición de pintura “Xente no camiño” que reune 54 cadros de Alfredo Erias. Esta exposición está organizada pola Excma. Deputación Provincial da Coruña que con gran interese posibilita que esta mostra se achegue ata Tui nun itinerario que anteriormente a levou a numerosos lugares de Galicia e mesmo ao Parlamento Europeo, na súa sede de Bruxelas. Esta exposición estará aberta ao público na Sala Municipal de Exposicións, no edificio Área Panorámica, ata o vindeiro 31 de decembro. 

A presenza desta exposición na cidade de Tui é saudada con satisfacción polo concelleiro de cultura tudense, Moisés Rodríguez Pérez, pois trata dunha temática de especial interese para Tui, como é a Idade Media, as xentes daquela época, a súa historia, os seus testemuños... De tal forma que observando esta exposición podemos profundizar no coñecemento daquel momento histórico, tan presente na nosa cidade, ao tempo que disfrutar da alta calidade artística de Alfredo Erias. Rodríguez Pérez agradece ao autor o seu desexo de achegarse a Tui con esta mostra e a Deputación da Coruña a súa cesión e as facilidades concedidas para a súa exhibición. 

Cun recoñecido traballo como arquiveiro, historiador, pintor e debuxante arqueolóxico presenta nesta exposición Alfredo Erias 54 obras que trazan unha panorámica da sociedade medieval galega. Un precedente desta exposición son as carpetas de debuxos (“Músicos do Pórtico da Gloria”, “Cabaleiros”...) ou as ilustracións para os seus traballos de investigación sobre o mundo medieval. Pero aqueles debuxos, precisos e minuciosos, realizados con tinta chinesa, experimentan agora unha floración polícroma. “Xente no camiño” marca unha nova etapa no traballo de Alfredo Erias, porque sistematiza e unifica as súas grandes querencias: o debuxo, a pintura e a historia. “Polos cadros desta exposición (inspirados en iconografía recollida en Betanzos, Noia, Coruña, Monfero, Santiago, Melide, Pontedeume, Tui e en tantos outros lugares de Galicia) desfilan harmonicamente músicos, canteiros, acróbatas, reis e raíñas, a nobreza, os peregrinos, o mundo labrego, os eclesiásticos, a burguesía, os traballadores dos oficios. Están tamén presentes as actividades lúdicas: as festas, a caza, a comida... Pero as imaxes, as figuras, van acompañadas, á súa vez, dunha ampla panoplia de imaxes, dun repertorio iconográfico, case etnográfico: os fondos de entrelazados dos cadros – tomados de motivos decorativos-, os utensilios da vida cotiá –vasillas, vaixelas, xerras, cubertos-, a vestimenta –roupa, xoias, calzado, armas, escudos-, o mundo funerario –sartegos, laudas, emblemas heráldicos-, ferramentas de oficios, símbolos do canteiros, as distintas tipoloxías tipográficas, a comida –empanadas, peixes, queixos, pan e froitas...-, mesmo construcións populares como o hórreo”. 

Para Alfredo Erias: “Esta exposición “Xente no Camiño”, tal como eu o vexo, ten un sentido amplo. Calquera persoa vale, calquera camiño serve: o camiño da vida dos nosos antepasados medievais. Porque se trata de amosar a faciana de todos os grupos sociais na medida do posible. Pero era e son  consciente de que o emprego da palabra “Camiño” nos leva inmediatamente á idea do Camiño de Santiago, cousa que tamén procede, pola sinxela razón de que esta rede de vías terrestres e marítimas fixo de Galicia un centro de Europa, sendo como era un finisterre xeográfico. É máis, se vemos en conxunto a imaxe dos galegos que vai resultando deste proxecto, decatámonos que é considerablemente semellante en liñas xerais á de moitos países europeos, e isto é así precisamente porque o Camiño de Santiago favoreceu o intercambio e a integración. Galicia recibiu moitas cousas do resto de Europa e o resto de Europa recibiu outras máis de Galicia, de tal maneira que ningunha das dúas entidades se pode concibir, daquela nin hoxe, por separado”

Alfredo Erias Martínez naceu en Presedo, Abegondo, A Coruña, o 29 de maio de 1954. Reside actualmente en Betanzos. É Licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela e está a realizar na mesma Facultade a súa Tese de doutoramento. Desde o 30 de abril de 1983 ocupa en propiedade a praza de arquiveiro - bibliotecario do Excmo. Concello de Betanzos e desde o 13 de xaneiro de 1984 é tamén director do Museo das Mariñas e do Anuario Brigantino. Desde 1989 a 1992 foi coordinador da Xunta de Galicia para a organización de arquivos municipais das provincias da Coruña, Lugo e Ourense, organizándose mediante bolseiros 52 arquivos doutros tantos concellos. É autor de diversos libros e numerosos traballos de investigación; ademais, é pintor, debuxante e gravador.