Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O descubrimento dun monólito e a presentación da tradución do libro “Quod Nihil Scitur” centran en Tui os actos do 400 aniversario do falecemento de Francisco Sánchez

14/11/2023

Celebraranse este xoves, 16 de novembro, data na que faleceu o pensador tudense

Este xoves, 16 de novembro, cúmprese o cuarto centenario do falecemento  do médico e filósofo tudense Francisco Sánchez na cidade francesa de Tolosa. Nesta data culmina o programa de actividades organizado polo Concello de Tui ao longo dos últimos meses  arredor desta histórica personalidade.

Os actos previsto comezarán ás 17.30 h co descubrimento dun monólito conmemorativo sobre o pensador tudense, realizado pola Escola de Canteiros de Pontevedra, colocado na Travesía da rúa Entrefornos. Estará situado así no cerne do conxunto histórico de Tui lugar de vivencias de Francisco Sánchez durante a súa infancia e mocidade en Tui. Desta forma, sinala o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, recobra singular presenza na nosa cidade a figura portentosa deste médico e filósofo, Francisco Sánchez, que marca un fito no panorama do pensamento europeo da época do Renacemento, entre os séculos XVI e XVII.

A continuación, ás 18.00 h, terá lugar a presentación da tradución ao galego da principal obra filosófica de Sánchez “Quod nihil scitur” (“Que nada se sabe”) realizada por Laureano Alonso Álvarez, profesor de latín e grego no IES San Paio de Tui e que foi concelleiro tudense varios mandatos. O libro conta con ilustracións orixinais do debuxante tudense, Andrés Lamas, e unha introdución do historiador Rafael Sánchez Bargiela.

O rexedor tudense, Enrique Cabaleiro, expresa o seu convencemento en que “esta publicación contribuirá á difusión do pensamento do noso filósofo, a incrementar o seu coñecemento pola cidadanía, a reafirmar o noso orgullo de pertenza a esta cidade, na que Francisco Sánchez naceu e  viviu os anos da infancia e primeira mocidade, un tempo que marcou a súa personalidade”.