Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O delegado territorial da Xunta entregou un diploma conmemorativo ao establecimiento máis lonxevo, "Alimentación Alonso", en recoñecemento aos seus máis de 120 Anos de existencia.

26/06/2013

 

 

O DELEGADO TERRITORIAL DA XUNTA ENTREGOU UN DIPLOMA CONMEMORATIVO AO ESTABLECEMENTO MÁIS LONXEVO, “ALIMENTACIÓN ALONSO”, EN RECOÑECEMENTO AOS SEUS MÁIS DE 120 ANOS DE EXISTENCIA E DESTACOU OS 622.000 EUROS DESTINADOS POLA CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA Á DINAMIZACIÓN DO COMERCIO LOCAL DE TUI NOS ÚLTIMOS ANOS

 

A iniciativa enmárcase na campaña “A semana do teu comercio”, que promove a Consellería de Economía e Industria para realzar o papel da asociacións comerciais

 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, presidiu na mañá so pasado sábado o acto de entrega do diploma conmemorativo ao establecemento “Alimentación Alonso” de Tui, distintivo co que se premia aos comercios máis lonxevos de cada centro comercial aberto de Galicia. O responsable autonómico destacou os 622.000 euros destinados dende a Consellería de Economía e Industria ao comercio local deste municipio dende 2009.

 

Cores Tourís estivo acompañado neste homenaxe polo alcalde da localidade, Moisés Rodríguez, e o xefe territorial da Consellería de Economía e Industria en Pontevedra, Ignacio Rial. Esta actividade enmárcase dentro da campaña “A semana do teu comercio: unha semana, un comercio, unha historia”, posta en marcha pola Consellería de Economía e Industria para realzar o papel das asociacións comerciais.

 

De feito, o delegado territorial aproveitou esta ocasión para resaltar a labor desenvolvida polos centros comerciais abertos (CCA), e en concreto, o traballo do ACITUI Centro Comercial Aberto, como “elemento fundamental” para dinamizar o comercio nos distintos barrios das vilas e cidades da provincia e, en consecuencia, contribuír á reactivación económica das diferentes localidades pontevedresas “como está a ocorrer no caso da localidade que hoxe visitamos”.

Esta iniciativa presta especial atención ao negocio comercial máis lonxevo e con máis tradición do correspondente Centro, como é o caso, nesta ocasión, do establecemento Alimentación Alonso, fundado en 1890. “A actividade deste comercio comezou fai máis de 120 anos e ao longo destes anos foi adaptándose aos tempos”, explicou o alcalde da localidade. Foi fundada por Emilia García Domínguez, e se atopa situada na praza Calvo Sotelo, coñecida antes como Praza da Verdura, a carón da porta da Pía, entrada principal á zona monumental de Tui. “Esa foi a razón pola que sempre se lle coñeceu como a tenda de Emilia da Praza”, engadiu Moisés Rodriguez.

 

Comezou como tenda de ultramarinos e venda de viño, ampliándose logo como estanco de tabado. “De feito”, explicou o rexedor, “na súa adega había unha tasca chamada Casino Obrero, onde requiríase estar inscrito para poder entrar. Para acompañar ao viño poñíase unha tapa de bacallau groso. Coa Guerra Civil, a tasca viuse obrigada a pechar”.

 

Na actualidade rexenta a tenda un dos fillos da señora María, Esteban Alonso, axudado polos seus sobriños Lucía e Ricardo, que son xa a cuarta xeración. “Na actualidade segue a manter o prestixio acadado ao longo da súa existencia, tanto pola calidade dos seus produtos, especialmente o bacallau, como pola boa atención aos seus clientes”, rematou Rodríguez.

 

Pola súa banda, o delegado territorial felicitou aos responsables do establecemento e recordoulles que a historia de cada un dos establecementos homenaxeados plasmarase nunha bitácora que recollerá unha reportaxe semanal sobre o mesmo e se poderá consultar a través do Portal do Comerciante (http://portaldocomerciante.xunta.es), a web que o Goberno galego dedica ao pequeno comercio.

 

A iniciativa da Dirección Xeral de Comercio non só redunda en beneficio deste Centro Comercial Aberto de Tui, senón que tamén permite, tal e como destacou o delegado territorial, “realzar o bo facer daqueles comercios que, como Alimentación Alonso, xeración tras xeración, souberon adaptarse aos tempos acadando a pervivencia do negocio a través da calidade e proximidade ao cliente”. Como recoñecemento a este labor, o galardoado recibiu un diploma conmemorativo no que se destacará o traballo desenvolto polo establecemento.

Durante esta visita, Cores Tourís recordou que, en total, dende 2009, o comercio local de esta localidade recibiu máis de 264.000 euros para a dinamización da súa labor. Deste montante, algo máis de 186.000 foron destinados a ACITUI.

 

Ademais, tamén se destinaron outros 357.000 euros a través do Plan Ágora para a execución de melloras nas rúas Lugo, Maristas e na avenida da Concordia que consistiron na reforma das beirarrúas e a instalación de pasos de cebra elevados, así como para a reforma das rúas Colón e Martínez Padín onde se ampliaron as beirarrúas, se repuxeron os viais e se mellorou as instalacións de alumeado público.

 

ACITUI naceu, tal e como explicaron os seus responsables, en 1996 froito da vontade dun grupo de comerciantes que se propuxeron xuntar esforzos para facer fronte ás ameazas do entorno e mellorar a súa posición competitiva. No 2000 experimentou un forte impulso pasando do centenar de asociados, aínda que a actual crise provocou que algúns destes establecementos tiveran que pechar. Na actualidade o número de socios rolda os 100.

 

Economía e Industria dedicou estes sete días a Tui, dentro da campaña “A semana do teu comercio”. Cada unha das 52 semanas do ano 2013 estará dedicada a un dos 52 centros comerciais abertos existentes neste momento en Galicia.

 

“Desta forma, o Executivo autonómico reitera o seu compromiso co comercio de proximidade galego, ao entender que supón un piar básico no progreso económico das nosas vilas e cidades”, comentou Cores Tourís, quen insistiu no compromiso da Xunta co comercio galego como sector de relevancia para a reactivación económica, pondo en valor a importancia dos Centros Comerciais Abertos como estimuladores do mesmo.