Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O coro Vox Stellae ofrece un concerto mañá martes nas Xornadas Francisco Sánchez

13/11/2023

O prestixioso coro Vox Stellae ofrecerá mañá martes, 14 de novembro, ás 20 h no Teatro Municipal de Tui un concerto extraordinario titulado “A propósito de Francisco Sánchez “o escéptico” (1550-1623)”. Este concerto, con entrada libre, forma parte do programa de actividades que organiza o Concello de Tui para conmemorar o IV centenario da morte do egrexio pensador tudense, médico e filósofo falecido na cidade francesa de Tolosa o 16 de novembro de 1623.

O programa do concerto trázase en torno ao periplo vital de Francisco Sánchez, de tal xeito que interpretarán varias pezas en razón da súa orixe e a relación co tempo no que Sánchez viviu en cada territorio. Ao tempo de infancia e mocidade entre Galicia e Portugal obedece a inclusión das composicións do arquivo da Catedral de Santiago  e unha obra de Antonio Carreira, quen foi mestre de capela en Braga e Compostela. Da época na que Sánchez se doutorou en Roma interpretarán obras dalgúns dos nomes máis importantes do seu tempo na sé papal, músicos a quen Francisco Sánchez puido coñecer e dos que seguramente escoitou algunha composición: Tomás Luís de Vitoria, Giovanni da Palestrina e de Francisco Soto de Langa, músico burgalés que dirixiu e coordinou a capela papal. A música francesa do primeiro cuarto do século XVII camiñaba por unha vía estilística un tanto diferente á da tradición romana ou hispana e estará representada por obras de Jean Baptiste Besard e Antoine Boesset.

Para a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente Solla, este concerto enriquece de xeito excepcional a programación que promove o Concello de Tui para conmemorar o “Ano Francisco Sánchez”, pois esta agrupación musical é, sen dúbida, unha das de maior prestixio en Galicia tras vinte anos de traxectoria recuperando a tradición da música vocal. Cabe lembrar o seu labor no proxecto de recuperación do patrimonio musical da catedral de Tui editando tres discos con música de Matías García Benayas (+1737) e outros autores dos códices polifónicos: Defensor alme Hispaniae (2013), premiado co Melómano de Ouro en 2015, Salvete Flores (2016) e Canite Tuba (2020). Vox Stellae tamén ten promovido a reestrea da Misa en Do M de Rosendo Salvado, outro ilustre tudense.

Vox Stellae

Vox Stellae nace en 2003 con motivo dunha conferencia do musicólogo José López Calo sobre a música na Catedral de Santiago. Un dos seus sinais de identidade é a difusión da música galega, tanto a dos arquivos das catedrais como a creación contemporánea e a música popular. Amais de participar en actos institucionais e concertos didácticos, ten actuado en múltiples tempadas de abono e festivais: Vía Stellae, Espazos Sonoros, De Lugares e Órganos, Xornadas de Música Contemporánea de Santiago de Compostela, Semana de Música de La Laguna, Outono dos sentidos na Ribeira Sacra, Festival Internacional Provincia de Palencia, Ciclo de Música Sacra de Castilla y León, Ciclo de Música Relixiosa de Barcia de Mera, Camiño de Cantares, Festival Internacional de Música Relixiosa de Guimaraes, Festival Internacional de Grupos Vocales de Santander…

Vox Stellae colabora con agrupacións e solistas como a Orquestra de Cámara de Tenerife, Orquestra de Cámara Galega, Finis Terrae Brass, Os Menestreis de 1500, Taller Atlántico Contemporáneo, Cristina Pato, Joaquín Barreira, Manuel Vilas, Beatriz Díaz, Belén Elvira, Juan Antonio Álvarez Parejo, Juan Manuel Varela, Fernando Buíde, Uxía Senlle, João Afonso ou o dramaturgo Maximino Queizán.

Entre o seu amplo repertorio destacan a estrea absoluta de Tres Imaxes de Compostela e Vésperas de San Martiño (M. Mato), Martine Confessor (J. Trillo) a estrea en España da Misa en Sol a Santiago de Compostela (A. Tucapsky), as reestreas da Misa en Do M (Frei R. Salvado) e a Missa Voce Mea (C. de Medrano) ou a estrea en Galicia de Rothko Chapel (M. Feldman). Dentro do proxecto de recuperación do patrimonio musical da catedral de Tui editou tres discos con música de Matías García Benayas (+1737) e outros autores dos códices polifónicos: Defensor alme Hispaniae (2013), premiado co Melómano de Ouro en 2015, Salvete Flores (2016) e Canite Tuba (2020).

Luís Martínez (Director Artístico)

Nado en Vigo, estudou Piano e Linguaxe Musical nos conservatorios de Santiago e Vigo. É Mestre especialista en Educación Musical e Licenciado en Pedagoxía pola USC.

Asistiu a aulas de perfeccionamento en diferentes ámbitos da análise e interpretación musical con mestres da talla de Miro Moreira, Dominique Velard, Pier Paolo Scattolin, Daniel Vega, Owen Reese, Peter Philips, Artur Carneiro, Constantin Alex, Bernd Valentin, Tu Shi Chiao, J. Carlos Rodilla, J. López Calo, Carmen Cruz ou Mercedes Padilla. É membro do Orfeón Terra a Nosa e da Capela da Catedral de Santiago, agrupacións coas que participou como solista en óperas, concertos e rexistros discográficos. Colabora con agrupacións como Capela Compostelana, Capilla de Extravagantes, Grupo Siglo XX ou Hércules Brass. Como actor e recitador interpretou a Historia do Soldado (I. Stravinsky) e participou na estrea absoluta de Enigmas de la temporalidad (J. Vara) coa Real Filharmonía de Galicia. No eido da musicoloxía, colabora con Joám Trillo na edición da música do arquivo da Catedral de Tui.