Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo

O Consorcio do Louro presenta o IV Concurso de Debuxo e un libro co gallo do Día da Auga

21/03/2019

Mañá venres, 22 de marzo, Día Mundial da Auga, o Consorcio de Augas do Louro presenta dúas accións de divulgación, educación e concienciación cidadá acerca da importancia do coidado da auga.

A primeira dirixida ós máis cativos é o IV Concurso de Debuxo, no que coma noutros anos os alumnos de 3º e 4º de Primaria dos catro Concellos consorciados poderán plasmar a súa creatividade baixo o lema “Investigadores da auga”.

A segunda é a presentación do libro No Consorcio do Louro amamos a auga, que ao longo das vindeiras semanas distribuirá 6.000 exemplares entre a cidadanía dos concellos do Porriño, Tui, Mos e Salceda de Caselas, un manual de bos usos sobre o ciclo da auga e a importancia que ten o seu uso e protección.  A distribución fíxose en colaboración co comercio local dos catro concellos.

O obxectivo prioritario desta acción é o de concienciar e ensinar á poboación nun mellor coñecemento, uso e aproveitamento dos recursos hídricos.

O manual inclúe un gran número de consellos para habituarnos, na vida cotiá, a ter conta deste recurso imprescindible e limitado, tanto no interior dos fogares coma na horta e xardín, negocios, centros de ensino, etc.