Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui vén de recepcionar tres obras do Plan Concello 2017 que supuxeron un investimento de 88.500 €

1/10/2019

Trátase do arranxo das cubertas do patio do Cárcere Vello, un muro de contención en Guillarei e un módulo con 48 novos nichos no cemiterio municipal

O Concello de Tui vén de recepcionar nos últimos días tres obras executadas ao abeiro do Plan Concello 2017 que en conxunto supuxeron un investimento de 88.500 €.

Un dos proxectos realizados consistiu nunha intervención nas cinco cubertas situadas no patio do Cárcere Vello na Sanz, onde se realizou unha actuación tanto a nivel construtivo como estético.  Supuxeron un investimento de 21.959,51 € e foron executados por Construcciones Cohemara 2005 S.L.  O proxecto tivo coma finalidade corrixir tanto o deterioro que presentaban estas cubertas, así coma os problemas estruturais e de filtracións de augas que presentaban. Na actuación executada mantivéronse as ménsulas e piares de pedra que dan soporte as estruturas de cuberta e foron substituídos os elementos en mal estado ou aqueles que non eran axeitados como o baixo tella de fibrocemento con amianto, colocándose outro máis axeitado que foi cuberto cun friso de madeira para evitar que sexa visible. Reutilizáronse todas as tellas posibles para manter o valor cromático que entoa co resto do conxunto.  Amais colocouse unha chapa de chumbo para evitar as filtración e abriuse unha canle de pedra para embeber esta chapa.

Outro dos proxectos executados foi a construción dun muro de contención en perpiaño sobre zapata de formigón armado na nave municipal de Guillarei.  Foi executado pola empresa Construcciones Vale S.L.   cun investimento de 25.103,41 €. En concreto as obras realizadas tiveron por obxectivo a construción dun muro de contención de terras que deslinda o Centro Municipal de Formación co Punto Limpo, considerada unha obra necesaria para contención de terras e por seguridade nas instalacións municipais existentes.

Por ultimo o proxecto de maior importe, 41.414,07€, refírese á construción dun módulo de 48 sepulturas a bases de nichos no cemiterio municipal. En concreto o módulo realizado consta de 8 filas paralelas con 3 nichos por altura. A actuación foi executada pola empresa Construcciones Antonio González Lago, S.L.