Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui vén de presentar denuncia por presunta estafa de suplantación de identidade dunha empresa fornecedora

6/05/2019

O Concello de Tui formalizará hoxe, 6 de maio, denuncia ante a Policía Xudicial, por unha presunta estafa de suplantación de identidade da que puido ter sido obxecto.  Á maior  brevidade procederase ao nomeamento de avogado para a defensa dos intereses municipais e para lograr a recuperación do importe presuntamente estafado que ascende a 110.569,52 €.

O pasado 24 de abril responsables da empresa fornecedora afectada puxéronse en contacto co concelleiro responsable para notificarlle que levan un tempo sen recibir os pagamentos do Concello. A partir desta notificación abriuse unha investigación interna no concello. Tras analizar a situación constatouse que  a primeiros de xuño de 2018 recibiuse unha chamada telefónica no departamento municipal de Intervención, para solicitar o cambio de conta bancaria destinataria dos pagamentos do Concello. A funcionaria municipal comunicou que para realizar ese cambio era obrigatorio presentar certificado bancario por escrito. O 5 de xuño de 2018 recibiuse un correo electrónico confirmando por escrito esa solicitude dun cambio de conta bancaria, no que se axuntaba un certificado bancario e un escrito co logo da empresa.  A funcionaria municipal procedeu naquel momento a cumprimentar a solicitude da empresa, e no Concello non se tivo ningún indicio de que se podería tratar dunha estafa até o aviso da empresa do 24 de abril do 2019.

O pasado venres, 3 de maio, responsables municipais dos departamentos de Intervención e Tesourería, acompañados do alcalde, personáronse ante a Policía Xudicial de Tui para poñer no seu coñecemento o acontecido. O mesmo día solicitouse á entidade financeira, desde a que o Concello realizou as transferencias, a anulación e/ou retrocesión das realizadas a esa conta até a data. Hoxe coma diciamos formalizarase a denuncia por esta presunta estafa.