Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui terá implantado nos vindeiros meses o Plan de Emerxencias Municipal

24/05/2019

Levarán a cabo accións formativas en centros escolares, asociacións veciñais e instalacións deportivas de Tui a partir da vindeira semana

O Concello de Tui presentou esta mañá o seu Plan de Emerxencias Municipal. O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, o concelleiro de Seguridade, Antonio Castro Negro e o encargado do Plan, Daniel Lorenzo da empresa encargada Previnem, foron os responsables de dar a coñecer o documento.

O Plan Municipal de Emerxencias é un instrumento de carácter técnico composto por normas e procedementos que explican o sistema de resposta da administración local ante os riscos que se poidan dar no municipio. O plan conta cunha estratexia de actuación dependendo de cada risco:  accidentes de mercadorías perigosas, inundacións, incendios forestais e urbanos e fenómenos meteorolóxicos adversos.

Os obxectivos deste Plan de Emerxencia Municipal son analizar os riscos do municipio, determinar ás medidas de prevención ante un posible risco e coordinar os recursos municipais para posibilitar unha resposta rápida en caso de emerxencia.  

O documento partiu dun análise do municipio (espazo xeográfico, actividades e configuración do espazo) a partir do cal se identificaron unha serie de riscos que despois se avaliaron para elaborar os protocolos de actuación. A segunda parte consiste na implantación do Plan.

A fase de implantación consiste na capacitación dos servizos de emerxencia que van conformar grupos operativos de intervención, grupo sanitario de acción social,  de apoio loxístico, de seguridade e de apoio técnico e rehabilitación. Estarán formados por colectivos de seguridade municipal como protección civil, a policía local, e traballadores do concello entre outros.

Ademais elaborouse unha identificación de espazos, instalacións e actividades que polas súas características necesiten máis atención, e para as que se creou unha ficha de intervención operativa. É o caso dos centros escolares, locais sociais ou instalacións industrias entre outros que contan con esa ficha de datos fundamentais para contribuír a unha mellor e máis rápida intervención en caso de emerxencia.

Dentro do proceso de implantación, van realizar un traballo coa veciñanza baseado na difusión dos principios de autoprotección a través de accións formativas nos centros escolares, asociacións de veciños e instalacións deportivas.

O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín asegurou que esta era “unha das carencias detectadas no  concello polo que era fundamental levar a cabo este plan para contar cun protocolo de actuación en caso de emerxencia como no caso da vaga de lumes de outubro de 2017”.