Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui promociona o camiño portugués en Facebook

27/11/2009

O CONCELLO DE TUI PROMOCIONA O CAMIÑO PORTUGUÉS EN FACEBOOK

 

As iniciativas municipais de promoción turística póñense en marcha tras detectar un importante deficit de información sobre o camiño portugués na Rede

 

Venres, 27 de novembro de 2009. O Concello de Tui prepárase para a chegada do Ano Santo e dos turistas que este atraerá á cidade nos vindeiros meses. Tras detectar un importante déficit de información útil e necesaria para os peregrinos e camiñantes, o Concello leva a cabo nestes días diversas accións para darlle un pulo á promoción turística do Camiño de Santiago na nosa cidade. Unha das primeiras actuacións nas que se está a traballar é o aproveitamento das ferramentas que a Web pon á disposición dos usuarios e que se están a converter recentemente en foros fundamentais para o trasvase de información entre os usuarios de Internet. Destaca o pulo que están a ter redes como Facebook. Este tipo de redes, pola súa natureza, son idóneas para o tratamento da información turística.

 

Neste liña de traballo o Concello de Tui ten presentado esta mañá o perfil de Facebook "Tui Camiño de Santiago", acto no que participaron Moisés Rodríguez, concelleiro de cultura, Rafael Sánchez e Cristina Sanjurjo, técnicos da concellería.

 

Cada vez máis, os turistas preparan as súas viaxes ata o máis mínimo detalle. En Internet podemos atopar información exhaustiva sobre roteiros, servizos, monumentos, hostalería... e comentarios de persoas anónimas que se manifestan admiradores ou críticos dun establecemento, servizo ou lugar. Esta información adoita acadar bastante credibilidade por parte do usuario, que cada vez ten máis referencias para facerse unha idea dun sitio ou servizo antes de coñecelo persoalmente.

 

Facebook

O perfil de facebook "Tui, Camiño de Santiago" posto en marcha polo Concello acadou máis de cen seguidores nun par de semanas e xa aparecen os primeiros comentarios en forma de preguntas directas sobre os horarios e servizos do albergue ou as distancias existentes entre outros puntos de interese en Galicia. A natureza desta rede social permite ter un contacto directo co usuario, personalizar as respostas axustándose a cada demanda particular e facer un seguimento despois do primeiro contacto.

 

Cada pregunta concreta que un usuario fai revela a dificultade que teñen na actualidade os peregrinos para atopar información sobre o camiño portugués, cousa que ocorre en menor medida no camiño francés. As accións non se están restrinxindo ás redes sociais, senón que dende o Concello de Tui estase a facer un barrido da rede para incluír, mellorar e completar a información que exista sobre Tui, nos temas que teñen relación coa promoción turística do camiño de Santiago.

 

Ademais este é un dos apartados do programa de promoción turística do Camiño en Tui, xa que se traballa noutras accións, como a posta en marcha do Centro de Interpretación do Camiño Portugués, que ten por obxectivo aglutinar toda a información sobre esta temática. Un roteiro que é o segundo que máis peregrinos atrae e que cada día gaña adeptos pola importancia do Patrimonio artístico que se pode visitar no seu percorrido así como polo gusto dos peregrinos de fuxir das masificacións e facer do camiño un auténtico camiño de espiritualidade e viaxe interior. Este centro estará ubicado na parte municipal de Santo Domingo e estará a pleno funcionamento nas vindeiras semanas.

 

Moisés Rodríguez manifestou a importancia do camiño para Tui como Porta de entrada da peregrinación en Galicia do roteiro portugués e a vontade do Concello por facer unha importante promoción desta actividade. Segundo dixo o concelleiro tamén a Xunta comparte esta vontade e fará achegas para mellorar a sinalización do camiño.