Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui presentou esta mañá a sua oferta turística en Fitur

31/01/2013

 

O CONCELLO DE TUI PRESENTOU ESTA MAÑÁ EN FITUR 2013 A SÚA OFERTA TURÍSTICA

 

Xoves, 31 de xaneiro de 2013. O Concello de Tui, representado pola concelleira de Cultura – Vanesa Rodríguez Pereira-, presentou esta mañá en Fitur a súa oferta de turismo no decurso dun acto celebrado no stand de Turismo “Rías Baixas” da Deputación Provincial de Pontevedra ás 11,30 horas da mañá.

 

A concelleira Rodríguez Pereira presentou na súa intervención os diversos recursos turísticos de Tui: o seu patrimonio cultural – co exemplo sobranceiro da Catedral e o conxunto histórico-, o seu rico patrimonio natural –co Parque Natural do Monte Aloia e o río Miño integrado na rede Natura 2000 da UE-, a súa oferta termal co Balneario de Caldelas, a súa oferta gastronómica –co restaurante “Silabario” galardoado por segundo ano cunha estrela “Michelín”-, o seu carácter comercial e, finalmente, a seu carácter fronteirizo pois a oferta conxunta da Eurocidade Tui – Valença é un valor engadido ao atractivo da nosa cidade que se complementa cunha excepcional oferta turística e patrimonial na cidade irmá de Valença.

 

Por segundo ano consecutivo o Concello de Tui estivo presente na Feira Internacional de Turismo (FITUR), unha das principais feiras de turismo do mundo, que se celebrará en Madrid do 30 de xaneiro ata o 3 de febreiro de 2013. Esta participación do Concello de Tui da continuidade á presentación realizada o pasado ano no stand de Turgalicia da oferta turística da eurocidade Tui – Valença coa presenza do Alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, e o Presidente da Cámara Municipal de Valença, Jorge Salgueiro Mendes.

 

Este ano de novo pois o Concello de Tui estivo presente neste certame que reúne anualmente en Madrid a mellor selección da oferta turística.  Fitur é unha excepcional fiestra aberta a un numeroso público e profesionais que se achegan a esta feira para coñecer as diversas ofertas alí presentes.

 

A concelleira de Cultura asistiu tamén en FITUR á presentación da Volta ciclista a España, un acto no que se confirmou que a segunda etapa desta proba, que transcorrerá entre Pontevedra e o Alto do Monte da Groba en Baiona o domingo 25 de agosto, pasará por Tui.