Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui presenta o logotipo do Ano Francisco Sánchez

20/02/2023

Contribuirá á difusión da figura e obra deste polifacético tudense cando se cumpren 400 anos do seu falecemento

Este 2023 é o Ano Francisco Sánchez en Tui. Coincidindo co 400 aniversario do falecemento deste médico, filósofo e polifacético tudense a corporación municipal acordo en pleno o 24 de novembro de 2022 declarar este 2023 coma o ano de Francisco Sánchez levando a cabo distintas medidas, entre elas, diferentes actos para poñer en valor o seu legado.

O Concello de Tui elaborou un logotipo cunha imaxe de Francisco Sánchez do século XVI que será empregado para a difusión da súa figura e das actividades que ao longo do ano se van celebrar.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González, sinala que a celebración deste Ano Francisco Sánchez “quere afondar no coñecemento dunha das egrexias personalidades tudenses ao longo dos séculos. O seu espírito crítico e polifacético segue sendo unha referencia na actualidade para todos, pois a súa investigación filosófica e científica o acredita como un dos máis ilustres representantes do renacemento científico español e europeo no século XVI”. Para o rexedor tudense “a divulgación e coñecemento da súa figura é unha obriga para o Concello de Tui”. Por iso sinala que ao longo deste ano desenvolveranse diversas iniciativas nesta liña de traballo.

Francisco Sánchez “O Escéptico”

Francisco Sánchez «o Escéptico», nace en Tui en 1550 (sendo bautizado en Braga ao ano seguinte), foi un importante filósofo «escéptico» e médico renacentista. Segundo as súas propias palabras era un «hispano nado na cidade tudense». Fillo de Antonio Sánchez, de ascendencia xudía e de profesión médico –aparece como médico do Cabido tudense en 1558- , e da portuguesa Filipa de Sousa ten dúas irmás casadas cos xudeus Antonio López e Adán Francisco e tivo dous fillos: Dionisio e Guillermo que ingresaron nun convento.

Aos 11 anos a súa familia trasládase a Bordeus e matricúlase no soado colexio da Guyenne. En 1571 falece o seu pai, polo que se traslada a Roma, cidade na que tíña familiares maternos. Ingresa na Universidade da Sapienza para estudar filosofía. Consérvase a relación epistolar de Sánchez co xeómetra Cristóbal Clavio, astrónomo do Vaticano que elaborou o calendario gregoriano. En 1573 trasládase de Roma a Montpellier e en menos dun ano termina co grao de doutor en Medicina por esta universidade. Ao ano fuxe da persecución relixiosa e se establece en Toulouse, onde desenvolve a súa actividade clínica, filosófica e docente.

En 1578 edita Carmen de Cometa «un poema filosófico en hexámetros que redactaba con ocasión do avistamento do ronsel do cometa que logo sería coñecido como “o sebástico”».

Tardou cinco anos en publicar Quod nihil scitur, obra que lle daría fama internacional, dedicada ao tudense Diego de Castro e Mendoza e fíxoo en 1581 en Lyon. Escrito profundo, á vez que polémico e contraditorio. En Que nada se sabe a pregunta crave que se fai é: «É necesario coñecer todas as causas para coñecer as cousas?», porque o coñecemento das causas é infinito e por conseguinte nunca chegaremos ao fondo da cuestión. Carga duramente contra o «argumento de autoridade» e defende as verdades a través de métodos científicos, polo que está considerado como un dos pais do devandito método científico

Falece en Toulouse en novembro de 1623 co respecto e admiración de toda Europa. Ese mesmo ano os seus descendentes publican dúas das súas obras: Opera médica e Tractatus philosophici.

Discutiuse moito se se considera o último dos escépticos antigos ou o primeiro dos filósofos modernos, como tamén se foi o precursor do racionalismo (con Descartes como máxima figura) ou do empirismo (corrente na que despuntou Francis Bacon). Ao tempo, as súas achegas están consideradas polos estudoso como un pioneiro da teoría lóxico-matemática de conxuntos, ou un iniciador dos estudos de lingüística comparada. O que queda ben claro é que os postulados de Francisco Sánchez foron relevantes e anticipatorios nun momento de cambio, no ocaso do renacentismo.