Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui entregou hai uns días o composteiro número 500

27/03/2023

Estase levando a cabo unha campaña porta a porta nas parroquias para incentivar a compostaxe

Tui acada o medio millar de composteiros individuais entregados ao longo do termo municipal. Hai uns días eran dúas persoas de Randufe as que recibían o composteiro número 500 dentro da campaña “Cada fogar co seu composteiro”. O concelleiro de Medio Ambiente, Ismael Diz, fixo a entrega deste composteiro facendo fincapé na importancia de reducir o lixo que vai ao contedor verde, e reciclar a maior parte posible do mesmo, neste caso os restos orgánicos.

A mestra composteira, Sara Luque, explicou a este noso usuario do Plan Municipal de Compostaxe, que restos se poden depositar no composteiro, a importancia do estruturante, e o proceso que se debe seguir. Fíxolle entrega tamén dun pequeño agasallo para fomentar a reutilización e a reciclaxe, e para premiar esta cifra de 500 composteiros acadada polo Concello de Tui.

Nas última semanas estase levando a cabo unha campaña porta a porta para incentivar a compostaxe e entregar composteiros individuais que se realizou xa en Pazos de Reis e Rebordáns, e continuará nas outras parroquias tudenses.

Asemade as persoas que viven nun piso no centro urbano poden compostar depositando os restos orgánicos nalgún dos seis Centro Comunitarios de Compostaxe situados na traseira e no lateral do Edificio Francisco Sánchez, na rúa Ourense, a carón da praza de Abastos, na rúa Mártires de Sobredo, e na rúa Tenencia.

As persoas interesadas en obter, de forma gratuíta, un composteiro individual ou un caldeiro para a compostaxe comunitaria, poden solicitalo no correo compostaxe@tui.gal ou no teléfono 687 24 99 53.