Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui e AFAGA clausuran unha nova e numerosa edición do programa ‘Cultiva a Mente’

30/06/2023

A ribeira de Caldelas acolleu o acto de entrega de diplomas aos 134 participantes das nove parroquias tudenses

A ribeira de Caldelas de Tui acolleu este mediodía a clausura dunha nova edición do programa ‘Cultiva a Mente’, iniciado en 2019 e impulsado polo Concello de Tui en colaboración AFAGA, a Asociación de Familiares de enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia). Nel participaron 134 persoas nun programa que se desenvolveu este ano en nove parroquias de Tui: Areas, Caldelas, Guillarei, Pazos de Reis, Rebordáns, Randufe, Ribadelouro, Pexegueiro e Malvas.

Nese sinxelo acto de clausura entregáronse os diplomas aos veciños e veciñas participantes nesta edición, que logo compartían unha comida informal na ribeira de Caldelas. Presentes no acto estiveron o alcalde de Tui Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Servizos Sociais Ismael Diz, e membros de AFAGA, entre eles o seu presidente Juan Carlos Rodríguez.

O rexedor tudense tomou a palabra para dar os parabéns e agradecer aos presentes a súa participación neste programa. Amais, incidiu na aposta do goberno municipal en materia de servizos sociais, engadindo que seguirán investindo neste programa e en máis iniciativas que favorezan o envellecemento activo e a mellor calidade de vida para as persoas máis vulnerables e que máis o precisan do municipio.

O principal obxectivo do programa ‘Cultiva a Mente’ é previr o deterioro neurodexenerativo e a promoción de hábitos saudables a nivel cognitivo, emocional, físico, funcional e social, promovendo un envellecemento activo. Actualmente, o 83% das participantes son mulleres e a idade media dos usuarios e usuarias é 76,5 anos.

Dende o primeiro ano, continúan no programa 42 persoas (o 56% do total) e o motivo máis habitual das baixas é o deterioro de saúde, seguido de falecementos ou incompatibilidade de horarios e asuntos persoais. A inversión total do programa ascendeu aos 83.927,39€ en total nestes catro anos.