Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui convoca o concurso de debuxo escolar para elixir a súa Postal de Nadal

14/11/2022

Vai dirixido a alumnado de Primaria dos centros educativos tudenses

A Concellería de Ensino e Cultura do Concello de Tui convoca  unha nova edición do concurso, dirixido ao alumnado de Primaria dos centros educativos do municipio, para a elección da postal de Nadal do Concello de Tui para este ano 2022.

 

A concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente Solla, explica que "a finalidade deste certame escolar é fomentar a expresión artística, a creatividade e a participación activa da poboación infantil tudense nas tradicións do Nadal". Destaca que o traballo gañador deste certame será que o empregue o Concello de Tui na súa postal de Nadal coa que tradicionalmente se felicita á veciñanza do concello. O positivo resultado da convocatoria deste certame nos pasados anos 2020 e 2021 animou ao Concello, en palabras de Sonsoles Vicente, a darlle continuidade á convocatoria.

 

A temática deste concurso de debuxo escolar é "O Nadal en Tui". O que se pretende é que os nenos e nenas tudenses, expresen a través dun debuxo o significado do Nadal e a súa relación co noso concello, por tanto é obrigatorio incluír na postal algunha referencia a Tui.

 

Poderán participar todos os nenos e nenas matriculados en Educación Primaria nos centros educativos radicados no municipio de Tui, tanto públicos coma concertados. Cada participante presentará un único traballo orixinal e inédito con técnica libre. Establécese coma condición que o deseño non presente releves, nin purpurinas ou outro material similar para facilitar a súa reprodución impresa. Cada centro escollerá as doce mellores postais que serán enviadas á Concellería de Ensino e Cultura do Concello de Tui para presentar ao xurado deste concurso de debuxo infantil. O prazo de presentación dos traballos remata o 30 de novembro.

Establécense tres premios:

 

  • 3º premio un lote de material educativo e de pintura por valor de 40 euros
  • 2º premio un lote de material educativo e de pintura por valor de 50 euros
  • 1º premio un lote de material educativo e de pintura por valor de 100 euros. A obra gañadora do concurso será a postal do Nadal do Concello de Tui.