Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui conmemorará este domingo 24 de Xuño o CXXI aniversario dos Xogos Florais de Galicia

20/06/2012

Un recital poético que contará coas voces e os versos de Manuel Forcadela e Marta Dacosta.

 

A concellería de Cultura do Concello de Tui conmemorará esta fin de semana o CXXI aniversario da celebración na nosa cidade dos Xogos Florais de Galicia, que tiveron lugar do 24 ao 26 de xuño do ano 1891 e que marcan un singular fito na historia de Galicia, ao seren o primeiro acto público celebrado integramente na nosa lingua.

 

Así este domingo 24 de xuño celebrarase un recital poético ás 19,00 horas na Igrexa de San Domingos no que participarán os poetas Manuel Forcadela e Marta Dacosta. No decurso do recital poético haberá un acompañamento musical ao acordeón polos alumnos do Conservatorio Municipal de Música de Tui, Alexandre González Fernández e Sheila Domínguez Gómez.

 

O Concello de Tui ven realizando dende o ano 2008 un acto poético en lembranza deste acontecemento cultural de tanta transcendencia para a cultura de Galicia. Téñense achegado ata Tui voces como Darío Xohan Cabana, María Xosé Quizán, Eva Veiga, Yolanda Castaño, Marga do Val, Alfonso Pexegueiro, etc. Neste ano, comenta a concelleira de cultura tudense – Vanesa Rodríguez Pereira-, contaremos con dúas voces moi ligadas á nosa comarca do Baixo Miño: Manuel Forcadela e Marta Dacosta, que co recitado dos seus versos farán memoria daquela gloriosa xornada.

 

Xogos Florais

Estes actos rememoran a celebración na nosa cidade o 24 de xuño de 1891 dos Xogos Florais de Galicia, primeiro acto público realizado exclusivamente na nosa lingua, e que organizados pola Asemblea Rexionalista Galega premiaban composicións en galego e castelán de diversos xéneros, como no caso tudense, a poesía. O primeiro presidente da institución, Manuel Murguía converteríase aquel día no primeiro intelectual en dirixirse ao público en galego, lendo un discurso que constitúe un compendio do seu pensamento historicista e reivindicador sinalando que o principal obxectivo era "o renacemento dunha nacionalidade case morta e esquecida por medio da literatura, das tradicións e da historia".

 

Na cidade de Tui unha Xunta Rexionalista integrada por Manuel Fernández de Herva, como presidente,  xunto a Eduardo Caballero Canals, o coengo Antonino Cerviño González, Juan Areses Alonso, o tamén coengo Manuel Lago González, Juan Ávarez Cordero, Indalecio Rodríguez de Córdoba, Justo Salvador Fortes, Leoncio Comesaña González, Vicente García Rivera e Martín Díaz Spuch, organizaron, como representantes do Consistorio dos Xogos un amplo programa que supuxo incluso o traslado das festas patronais de San Telmo. Do amplo programa desenvolvido salienta o propio acto dos Xogos, xunto a un concurso de gaiteiros, un banquete “rexionalista” ou a función solemne de San Telmo na Catedral tudense coa actuación da orquestra catedralicia dirixida polo mestre Manuel Martínez Posse.

 

 

Manuel Forcadela

 

Manuel Santiago Fernández Álvarez, máis coñecido polo pseudónimo de Manuel Forcadela, nado en Forcadela, Tomiño, o 25 de xullo de 1958, é Licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa, Catedrático de Lingua Galega e Literatura de Ensino Medio en excedencia e, na actualidade, exerce como Profesor Titular na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. Doutorouse en Filoloxía Galaico-Portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela cunha tese sobre a poesía de Eduardo Pondal. Traballou como profesor invitado no Graduate Center da CUNY (City University of New York).

Colabora habitualmente en revistas e xornais, e é autor de máis dunha vintena de obras que abranguen a poesía, a narrativa e o ensaio literario.

 

Poesía

  • Ferida acústica de río, 1982, Xerais.
  • O regreso das ninfas, 1985, Caixa Ourense. Edición bilingüe galego-castelán publicada no 2001, en Libertarias.
  • O varredor en outono, 1988, Sotelo Blanco.
  • Nausícaa, 1992, edición do autor. Con tres gravuras de Laxeiro.
  • Profecía, 1992, Sons Galiza.
  • Morte do fadista, 2000, Espiral Maior.
  • Refutación da musa, 2001, Espiral Maior. Edición bilingüe galego-castelán publicada no 2002, en Lumen.
  • Lámpada e medusa, 2002, Sociedade de Cultura Valle-Inclán.
  • Música de cinza, 2008, Galaxia.

Narrativa

  • Relato policial, 1989, Promocións Culturais Galegas.
  • Paisaxe con muller e barco, 1990, Xerais (novela).
  • Sangue sobre a neve, 1990, Edicións do Cumio (novela negra).
  • Barato, barato, 1991, Edicións do Cumio (novela negra).
  • Contos interruptus, 1992, Diario 16 de Galicia.
  • Fóra de xogo, 1993, Edicións do Cumio (novela negra).
  • Anxélica, 1994, Nigra (conto).
  • A equipaxe do azar, 1994, Pentalfa (novela).
  • A armada invencible, 1996, Edicións do Cumio (novela).

Literatura infanto-xuvenil

  • A procura do falso Grial, 2006, Galaxia (novela).

Ensaio

  • A harpa e a terra (Unha visión da poesía lírica de Eduardo Pondal), 1988, Xerais.
  • Eduardo Blanco Amor, fotógrafo, 1993, Clube Cultural Alexandre Bóveda.
  • A poesía de Eduardo Pondal, 1995, Edicións do Cumio.
  • Diálogos na néboa: Álvaro Cunqueiro e Ramón Piñeiro na xénese da literatura galega de posguerra, 2005, Centro Ramón Piñeiro.
  • A mecánica da maxia. Ficción e ideoloxía en Álvaro Cunqueiro, 2009, Galaxia.
  • Sete leccións de poesía, 2009, Espiral Maior.

Edicións

  • Eduardo Pondal. Poesía, edición crítica, prologada e anotada, 1989, Xerais.
  • Guía de lectura de A esmorga, de Eduardo Blanco Amor, 1991, Edicións do Cumio.
  • Manual e escolma da Nova Narrativa Galega, 1993, Sotelo Blanco.
  • Guía de lectura de Á lus do candil, de Ánxel Fole, 1997, Edicións do Cumio.
  • Poesía de posguerra: antoloxía, 1997, AS-PG, A Nosa Terra.
  • Aires da miña terra, de Manuel Curros Enríquez, 2001, Galaxia.

Traducións

  • Despois de Magritte, de Tom Stoppard, 1993, Teatro Keyzán.
  • Ancho mar de argazo, de Jean Rhys, 2007, Xerais.

Premios

  • Premio Celso Emilio Ferreiro do Concello de Vigo no 1981, por Ferida acústica de río.
  • Premio Leliadoura de Poesía no 1987, por O varredor en outono.
  • Premio García Barros no 1989, por Paisaxe con muller e barco.
  • VIII Premio Espiral Maior de Poesía no 1999, por Morte do fadista.
  • Premio Aula de Poesía de Barcelona no 2000, por Refutación da musa.
  • Premio da Crítica de poesía galega no 2001, por Refutación da musa.
  • Premio Esquío de poesía no 2001, por Lámpada e medusa.
  • Premio Ramón Piñeiro de Ensaio no 2005, por Diálogos na néboa: Álvaro Cunqueiro e Ramón Piñeiro na xénese da literatura galega de posguerra.
  • Premio de ensaio da AELG no 2007, por Diálogos na néboa: Álvaro Cunqueiro e Ramón Piñeiro na xénese da literatura galega de posguerra.
  • Premio da Crítica Galicia de Ensaio e Pensamento no 2010, por A mecánica da maxia.

 

Marta Dacosta

Vigo, 1966, licenciada en filoloxía galego-portuguesa, docente en Ensino Medio.

 A súa obra está recollida tamén en publicacións colectivas como Intifada, oferenda dos poetas galegos a Palestina, 8 e méio de Edicións do Dragón, Negra Sombra, intervención poética contra a marea negra; Homenaxe a Anxel Casal, Cartafol poético para Alexandre Bóveda; Volverlles a palabra; Polifonía. Voces poéticas contra a violencia de xénero; Vanakkam, Benvidas ou nas antoloxías Para saír do século, nova proposta poética, de Ed. Xerais, Efecto 2000, de Letras de Cal, Novas Voces da Poesía Galega, do Consello da Cultura Galega, Compañeira tristeza, antoloxía de poesía galega traducida ao ruso; Poetes gallecs d’avui, antoloxía traducida ao catalán, entre outras.

 

Colabora como articulista con diferentes medios de comunicación, investigou sobre a sintaxe do galego medieval e a súa reflexión literaria céntrase no papel da muller escritora, na súa xeración ou no significado simbólico do mar na poesía galega. Ten analizado a obra de autores como Manuel María, Victoriano Taibo ou Méndez Ferrín.

 

Obra poética:

  • Crear o mar en Compostela, 1994, premio de poesía «O Grelo», 1993.
  • Pel de ameixa, 1996, premio González Garcés, 1995
  • Setembro, 1998, premio «Martín Códax» 1998.
  • En atalaia alerta, 2000, accésit do premio de poesía Esquío 1999.
  • As Amantes de Hamlet, 2003, Edicións Espiral Maior.
  • Cinza, 2009, http://www.blogoteca.com/acuatica07/
  • Acuática alma, 2011, Edicións Espiral Maior

 

O cartel anunciador deste conmemoración do CXXI aniversario dos Xogos Florais de Galicia é obra do artista e gravador Enrique Maté.

 

Cartel Xogos Florais