Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui abre unha consulta pública previa a elaboración dunha nova ordenanza do taxi

15/02/2024

Durante quince días poderanse presentar suxestións e opinións por rexistro

O Concello de Tui vén de abrir unha consulta pública ante a elaboración dunha nova ordenanza municipal do Servizo de Taxi acorde coa normativa autonómica e que responda ás necesidades actuais da cidadanía e do propio colectivo de profesionais do taxi.  Durante quince naturais poderán presentar por rexistro, mediante instancia xeral, as suxestións e opinións ao respecto.

Así coa redacción dun novo texto búscase por unha banda adaptar a ordenanza á normativa actual, xa que a que está en vigor foi aprobada en 2006 e quedou obsoleta ao introducir a Lei 4/2013 de transporte público de persoas en vehículos de turismo  de Galicia importantes novidades. Por outra parte coa nova ordenanza quérese apostar por un modelo que responda ás necesidades actuais da cidadanía e do propio colectivo de profesionais do taxi, así como aos novos xeitos e modalidades de mobilidade e de transporte a demanda que permitan solucionar os problemas de mobilidade das persoas que viven nas zonas rurais, fóra da zona urbana e, en especial, de certos tramos e idade e das persoas con necesidades diversas de mobilidade, así como tamén adoptar medidas destinadas á prevención da violencia contra a muller e a asegurar a prestación de servizos de transporte nocturno de taxi.

O obxectivo da norma, cuxa aprobación se pretende, é regular o servizo municipal de taxi, esencialmente naquelas cuestións nas que o Concello debe establecer o seu criterio, tal como a imaxe dos vehículos, o procedemento para obter o certificado de aptitude profesional, medidas relativas á prestación do servizo, etc.

Dende o Concello de Tui tamén se salienta como obxectivos o da adaptación da norma para facilitar a implantación dun novo modelo de transporte a demanda, a coordinación e intermodalidade con outras formas de transporte público, a adaptación paulatina do servizo de taxi para favorecer o seu uso por persoas e grupos con dificultades de mobilidade ou, o estudo da implantación de novos servizos para os que se establecerán tarifas planas, co obxecto de facilitar as viaxes aos aeroportos ou hospitais.

A futura ordenanza podería recoller na súa estrutura o obxecto e intervención municipal, os títulos habilitantes, os vehículos, as persoas condutoras, a prestación do servizo, infraccións e sancións, disposicións adicionais, derogatoria e final, entre outros aspectos.

De forma previa a redacción do novo texto tanto a cidadanía, coma os e as profesionais do taxi coma as organizacións representativas afectadas poderán presentar unha instancia xeral coas súas suxestións e opinións presencialmente no rexistro xeral na casa do concello ou a través da sede electrónica. Aí poderán plasmar o seu parecer sobre os problemas que o regulamento trata de solucionar, a necesidade e oportunidade da súa aprobación, os obxectivos da norma, ou no seu caso as posibles solucións alternativas.

Resolución providencia consulta previa elaboración ordenanza taxis