Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello convoca un Concurso de Decoración de Balcóns e Ventás do Conxunto Histórico

16/05/2012

Promovido polas concellerías de Conxunto Histórico e Parques e Xardíns

 

Esta mañá foi presentado o I Concurso de Decoración de Balcóns e Ventás do Conxunto Histórico de Tui que promoven as concellerías do Conxunto histórico e de Parques e xardíns, coa colaboración das florerías tudenses “La Flor” e “Rita” e a “Fototeca-Estudio”. Participaron neste acto o concelleiro Nicolás Lorenzo Montes e a concellería Olga Montes Moldes xunto coas propietarias dos referidos establecementos, Hortensia Rodríguez, Rita Álvarez  e Goretti Vázquez.

 

Nicolás Lorenzo presentou esta iniciativa como unha proposta para humanizar as rúas da zona monumental tudense promovendo a implicación dos seus habitantes na conservación e promoción deste conxunto patrimonial. Como sinalan as bases do certame “preténdese chamar a atención sobre a contribución que os cidadáns residentes neste ámbito histórico poden realizar á mellora estética das diversas rúas e prazas, incrementado a calidade ambiental. A ornamentación de balcóns e ventás testemuña a implicación dos veciños no incremento da calidade estética deste espazo patrimonial e incrementa o seu valor”.

 

Poden participar todos os veciños do ámbito do conxunto histórico para o que compre inscribirse, ata o 31 de maio, ou ben no Concello ou nos establecementos colaboradores; ao realizar a inscrición lles será entregado un distintivo que deber permanecer xunto ao balcón ou ventá participante entre o 1 de xuño e o 27 de xullo. Amais o venres 25 de maio ás 20h na cárcere vella no Conxunto Histórico, haberá unha reunión informativa para todos os que desexen participar.

 

O xurado terá en conta entre outros, os seguintes criterios:

  • O estado de conservación e mantemento do balcón
  • A orixinalidade da ornamentación e a innovación dos elementos accesorios
  • A harmonía no crecemento das plantas
  • A combinación de cores e o seu valor estético
  • A variedade, calidade, perdurabilidade e innovación dos elementos vexetais

 

Os premios establecidos neste primeiro concurso son:

  • 1º premio. Diploma, cheque de 200€ e cheque de compra de plantas e materiais de xardinería por valor de 100€
  • 2º premio. Diploma, cheque 100€ e cheque de compra de plantas e materiais de xardinería por valor de 75€
  • 3º premio. Diploma, cheque de 50€ e cheque de compra de plantas e materiais de xardinería por valor de 50€
  • Premio Especial ao mellor establecemento de hostalería. Diploma e cheque de compra de plantas e materiais de xardinería por valor de 60€.

 

A concelleira de parques e xardín, Olga Montes, en nome do Concello e xunto aos establecementos colaboradores animan a todos os veciños e aos establecementos comerciais a participar nesta iniciativa que promove potenciar esta zona histórica tudense cun valor engadido, como é a decoración floral que incrementa a beleza deste espazo monumental.

 

Para a concelleira desexa que a iniciativa cale entre os veciños para que a contemplación deste elementos decorativos sexa un novo valor que xustifique unha visita á nosa cidade e, sobre todo, faga máis agradable a vida nas rúas históricas de Tui.

 

Para calquera dúbida ou consulta poden escribir ó enderezo electrónico: concursodebalcons@concellotui.org

 

 

Ver Bases do Concurso (PDF) 

Modelo Concurso Balcóns (PDF)