Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello avanza na peonalización do conxunto histórico

4/04/2013

 

O CONCELLO DE TUI AVANZA CON PATRIMONIO NO PROXECTO DE PEONALIZACIÓN DO CONXUNTO HISTÓRICO

 

Xoves, 4 de abril de 2013. En días pasados tivo lugar na Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia en Pontevedra unha xuntanza con representantes do Concello de Tui para avanzar no proceso de autorización do proxecto presentado polo concello tudense para proceder á peonalización do ámbito do conxunto histórico da cidade.

 

Esta medida, que entra dentro dos principais obxectivos que o goberno municipal tudense promove para a conservación e valorización do conxunto patrimonial de Tui está, na actualidade en proceso de autorización por parte da Comisión Provincial de Patrimonio Cultural que nunha vindeira sesión analizará o proxecto de intervención presentado polo Concello tudense.

 

Nesta xuntanza o responsable da concellería do conxunto histórico, Nicolás Lorenzo Montes, traballou conxuntamente cos técnicos da Consellería no axuste da proposta que o Concello de Tui presentará de inmediato para a súa aprobación e lograr así que esta importante medida poida levarse adiante en breve prazo.

 

O Concello de Tui realizará un investimento de 70.000 euros na instalación de elementos de control do acceso de vehículos á zona monumental tudense ao tempo que sinalará as zonas reservadas a estacionamento no interior do conxunto histórico.

 

Xa no seu momento un total de 204 vehículos solicitaron a súa incorporación ao padrón municipal de vehículos no conxunto histórico e mesmo o Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico contempla a regulación deste aspecto.