Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Club Kayak tudense Campión de España de Piragüismo

18/03/2014

Martes, 18 de marzo de 2014. O Club Kayak Tudense proclamouse esta fin de semana, e por novena vez consecutiva, Campión de España de Piragüismo, no Campionato de España de inverno celebrado nas instalacións do CEAR da Cartuja, no río Guadalquivir, en Sevilla.

Os padeeiros de Tui competiron nas categorías cadete, xuvenil, Sub23, sénior e veterán, acadando os puntos suficientes para acadar este noveno título por diante da Escola de Piragüismo de Aranjuez e do Náutico de Sevilla.

Como resultados máis destacados, na modalidade C1, José Luís Bouza acadou a segunda posición tras Tono Campos, proclamándose subcampión de España. Nesta mesma modalidade, Brais Casas que foi noveno, proclamouse subcampión de España en categoría Sub23.

Óscar Carrera, que rematou en cuarta posición en K1 sénior, proclamouse Campión de España Sub23 e Rubén Millán que foi noveno en K1 sénior, obtivo o Subcampionato de España Sub23.

O Concello de Tui felicita ao Club Kayak Tudense, aos seus padeeiros, adestradores e xunta directiva, pola consecución deste noveno Campionato de España, e polos excelentes resultados acadados durante estes últimos anos, que enchen de orgullo a toda a cidade de Tui. En próximas datas realizarase a recepción oficial ao club tudense.