Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Club Kaiak Tudense e o Club Balonmán Tui afrontan citas importantes esta fin de semana

8/05/2014

 

Xoves, 8 de maio de 2014. Esta fin de semana terán lugar varios acontecementos deportivos con especial relevancia para os clubs tudenses, dado que se disputará o Campionato de España de Maratón de Piragüismo e os partidos de volta da fase de ascenso a liga autonómica sénior e División de Honra cadete de balonmán.

 

O Club Kaiak Tudense competirá este sábado e domingo no Campionato de España de Maratón, que se disputará en Badajoz, onde o club tudense estará representado por Iván Alonso, que competirá en K1 e K2, Manuel Garrido e David González en modalidade C1, e Óscar Graña e Ramón Ferro en C2, todos eles se xogarán, cos mellores padeeiros nacionais, as prazas para o Campionato de Europa de Maratón de Eslovaquia e para o Campionato do Mundo de Maratón de Oklahoma. En canto á categoría de veteranos, polo club tudense competirán Quique Míguez e Alberto Díaz Portas.

 

No mundo do balonmán, o equipo sénior do Club Balonmán Tui xogará o partido de volta da fase de ascenso á liga autonómica o sábado na pista do Conxo, no que os tudenses terán que remontar un gol de diferencia do partido disputado o pasado sábado no pavillón de Tui. E o equipo cadete, que ganou por un gol na pista do O.A.R. Coruña, xogará o partido de volta para o ascenso a División de Honra, o sábado 10, ás 20.00 horas no novo pavillón deportivo municipal.

 

O Concello de Tui desexa moita sorte a nosos deportistas do Club Kaiak Tudense e do Club Balonmán Tui nas citas deportivas de esta fin de semana, e anima a todos os tudenses a acudir ao novo pavillón deportivo municipal para apoiar ao equipo cadete neste partido tan importante.

 

O Concello tamén felicita ao equipo alevín do Tyde F.C., por proclamarse subcampión na Danone Cup, competición que tivo lugar en Vigo, e onde perdeu na final co R.C. Celta.