Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Centro Dramático Galego presenta este venres en Tui “Días sen gloria” Manuel Maquiña encabeza o elenco dirixido por Fefa Noia

9/05/2013

Mércores, 8 de maio de 2013. O Centro Dramático Galego presentará este venres, ás 21.30h, no Teatro Municipal de Tui a súa última montaxe “Días sen Gloria”. O director do CDG, Manuel Guede, xunto ao actor protagonista, Manuel Maquiña, presentaron hoxe este espectáculo en Tui acompañados polo alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, e a concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez.

 

Manuel Guede, director do CDG, abriu a súa intervención “recoñecendo o traballo e bo facer na arte escénica galega” que se ten realizado en Tui dende hai tempo.  Nese senso apuntaba que “vir a Tui con ‘Días sen gloria’ era necesario, imprescindible e un pracer”.  Apuntaba amais Manuel Guede que “a condición fronteiriza dos textos de Bolaño lle son acaídos a este territorio de fronteira”. Aludía precisamente tamén a condición de texto fronteirizo entre o teatro o cine de “Días sen gloria”. O director do CDG expuxo que Manuel Manquiña, que encabeza o corpo actoral, amosa aquí un rexistro dramático no que “brilla con luz propia”.

 

Por outra parte Manuel Guede salientou que esta é a primeira vez que o Centro Dramático lle dedica unha temporada completa a un autor, Roberto Vidal Bolaño, xa que amais da obra que este venres van representar en Tui tamén levarán a cabo distintas actividades entorno á figura homenaxeada este ano o Día das Letras Galegas.

 

O actor Manuel Maquiña lembrou coma cando lle propuxeron este papel lle viñeron á cabeza as distintas formas de entender que hai anos mantiñan sobre o teatro el e Vidal Bolaño, con quen coincidiu. Tras ler o guión sinalaba que se deu conta que “estaba enfrontando un dos papeis da miña vida”. Aludiu a dificultades que a directora, Fefa Noia, tivo que asumir xa que a obra está escrita como un guión de cine, e apostou por transitar con escuros e silencios entre escenas.  Por último afirmaba Maquiña que “o público vai quedar moi satisfeito coa obra, xa que pese a profundidade dramática que ten se leva moi ben”.

 

A concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, amosou a súa satisfacción por contar de novo en Tui coa presenza do Centro Dramático Galego. Unha representación que agarda teñan unha boa resposta por parte do público, tal e como está a acontecer nos catro espectáculos celebrados ata o momento na programación deste semestre onde houbo unha media de 290 espectadores.

 

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, agradecía ao CDG a súa actuación en Tui, indicando que son “teatro de calidade”. Sinalaba amais o rexedor tudense a conexión que hai entre Tui e a obra deste venres xa que “Días sen gloria” transcorre tamén por un camiño a Santiago.

Baixo a dirección de Fefa Noia dan vida a “Días sen gloria” amais de Manuel Maquiña, Borja Fernández, Felisa Segade, Eva Souto e Sergio Zearreta.  A obra retoma o vello mito do amor e da morte nun camiño de violencia e sexo no que, por encima de todo, triunfa a solidariedade, a amizade e o amor. Vidal Bolaño sitúa no Camiño de Compostela un home e unha muller, protagonistas sen nome de Días sen gloria: EL, un vello gallofo, e ELA, unha pobre rameira, nos que concorren todas as virtudes e miserias humanas.

 

A representación será este venres, 10 de maio, ás 21.30h, no Teatro Municipal de Tui. O mesmo venres ás 11h o CDG porá en escena “Días sen gloria” para 320 alumnos de secundaria de Tui e de Tomiño.

 

As entradas para a representación están á venda en www.culturatui.info ata o venres ás 13h ou o venres dende ás 20h n o despacho de billetes ao prezo de 7€ e 5€.

 

CDG con “Días sen gloria”

Data:  Venres, 10 de maio, ás 21.30h

Lugar: Teatro Municipal

Entradas: en www.culturatui.info ata o venres ás 13h ou o venres dende ás 20h n o despacho de billetes ao prezo de 7€ e 5€.
Presentación Días sen gloria
Presentación Días sen gloria
Presentación Días sen gloria