Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O CDG presenta en Tui a súa última montaxe “O Profesional”

23/10/2012

Haberá dobre función: o venres ás 21.30h e o sábado ás 20.30h

 

O  Teatro Municipal de Tui acolle este venres e sábado a representación da última montaxe do Centro Dramático Galego “O Profesional”. Será o venres ás 21.30h e o sábado ás 20.30h.

 

Esta mañá tivo lugar a presentación deste espectáculo a cargo do alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, a concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, o director desta montaxe e do propio Centro Dramático Galego, Manuel Guede.

 

No decurso da súa intervención Manuel Guede salientou é na cidade de Tui onde o Centro Dramático Galego comeza a xira por todo o país con esta obra, resaltando o compromiso do CDG con esta localidade. A concelleira de cultura, Vanesa Rodríguez Pereira, que abriu a rolda de prensa salientou a dobre xornada de representación desta obra en Tui cuxo Teatro Municipal está consolidado como un dos referentes no panorama de Galicia. Por último o alcalde de Tui, agradeceu esta presenza do CDG que recupera a súa especial relación con Tui.

 

“O Profesional” está baseada na obra escrita por Dusan Kovacevic e adaptada por Vladimir André Cejovic e Anne Renoue. Manuel Guede dirixide a un elenco formado por  Ernesto Chao, Miguel Pernas, Rebeca Montero e Rodrigo Roel. Kovacevic preséntanos unha divertida e emocionante metáfora das grandes ambigüidades e contradicións da Iugoslavia comunista e da historia recente da nova Serbia.

 

“O Profesional” transcorre en Belgrado no ano 1990, unha década despois de que morrese o presidente Tito, nunha época confusa previa á guerra dos Balcáns.  Nese escenario a obra achéganos o encontro entre un ex activista político acomodado hoxe entre as redes do poder Teodor Teja Kraj e o policía que durante dúas décadas lle seguiu os pasos, Luka Laban. Os que nunha época foron vítima e verdugo, perseguido e perseguidor, ven agora como os seus papeis se inverten, se desdebuxan e se confunden. Hai vinte anos que viven un ao lado do outro, ata o punto que un deles chegou a se converter na sombra inseparable do outro, o seu secretario, o seu anxo da garda… Pero iso Teodor non o chegou a saber nunca.

 

As entradas para o “O Profesional” están xa á venda na web www.culturatui.info ata ás 13h do día da función, o se poden mercan tamén o día do espectáculo hora e media antes do comezo ao prezo de 6€ e 4€.

 

Máis información en www.culturatui.info ou en http://www.centrodramatico.org/cdg/centro/obra.php?id=cdg_obra9035&lg=gal

 

 

O CDG con “O Profesional”

Data: Venres, 26 de outubro, ás 21.30h e sábado, 27 de outubro, ás 20.30h

Lugar: No Teatro Municipal de Tui

Entradas: Á venda na web www.culturatui.info ata o día da función ás 13h, ou no despacho de billetes o día da función dende hora e media antes do comezo ao prezo de 6€ e 4€.