Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O catedrático Juan Manuel Moreno impartirá a primeira ponencia no Congreso Internacional de Educación Tui-Valença

1/03/2023

Abordará “As claves internacionais das Reformas educativas no mundo” o venres 10 ás 18.30 h ES no auditorio da ESCE en Valença

O catedrático de Didáctica da UNED e exasesor de Educación do Banco Mundial, Juan Manuel Moreno Olmedilla será o encargado de impartir a primeira ponencia no I Congreso Internacional de Educación Tui-Valença. Será o próximo venres, 10 de marzo, ás 18.30 h ES no auditorio da ESCE en Valença.  Abordará “As claves internacionais das Reformas educativas no mundo”. A ponencia será moderada por Ariana Cosme da Universidade de Porto.

Juan Manuel Moreno Olmedilla é co-autor, xunto con Ernesto Cadra, do primeiro informe do Banco Mundial sobre Educación Secundaria, publicado en 2005 co título Ampliar oportunidades e construír competencias para os mozos: Unha nova axenda para a Educación Secundaria. Ademais, publicou oito libros e case un centenar de artigos e capítulos de libro nas áreas de desenvolvemento do curriculum, reforma educativa e mellora da escola, e formación e desenvolvemento profesional do profesorado.

Ofrecerá Moreno Olmedilla na súa intervención unha perspectiva global de coma a reforma educativa española segue as directrices establecidas no espazo europeo de educación.

Esa mesma tarde, ás 19.15 h ES Mónica Domínguez, directora general de Evaluación y Cooperación Territorial do Ministerio de Educación e FP, e Maria João Horta,  subdiretora geral na Direção-Geral da Educação, no Ministério da Educação de Portugal abordarán “As claves das reformas educativas en España e Portugal”, nunha conferencia que moderarán a concelleira de Educación de Tui, Sonsoles Vicente, e o vereador de Educação de Valença,  Arlindo de Sousa.

Abondarán nos puntos comúns das dúas reformas educativas e coma  o perfil de saída que leva anos incorporado en Portugal é unha das novidades que presenta a reforma en España.

A primeira xornada do congreso pecharase ás 20.30 h ES co panel de expertos das dúas reformas co título “O debate curricular sobre o perfil de saída e outras claves nas Reformas de Portugal e España”. Intervirán José Moya Otero, da Universidad de Las Palmas, e Ariana Cosme da Universidade do Porto, Portugal. Moderarán Florencio Luengo coordinador do grupo Atlántida e Daniela Ferreira dos equipos de investigación da Universidade de Porto. 

José Moya Otero, é filósofo e doutor en Ciencias da Eduación que actualmente é profesor da Universidad de Las Palmas, ten dirixido numerosos proxectos de avaliación de programas sociais e educativos coma o proxecto COM.BAS do Ministerio de Educación, e autor de varios libros como “La Educación como derecho. Bases para un consenso razonable”, “La ideología del esfuerzo” ou “Organización procesos educativos e innovación”.

Ariana Cosme  é doutora en Ciencias da Educación da Faculdade de Psicologia e de Ciências da Educação da Universidade do Porto, Portugal. Forma parte da coordindación do Observatório de Vida nas Escolas e do Programa de Mentoria. Foi consultora do Ministério da Educação para o Projeto de Autonomia e Flexibilidade Curricular. É coautora de libros coma “Avaliação das Aprendizagens – Propostas e Estratégias de Ação”, “Autonomia e Flexibilidade Curricular – Propostas e Estratégias de Ação e Cidadania e Desenvolvimento – Propostas e Estratégias de Ação”.

Neste panel analizarase a importancia que o perfil de saída vai ter no proceso de aprendizaxe e no alumnado ao remate da Educación Secundaria, xa que o sistema de avaliación competencial e por desempeños vincularase necesariamente co perfil de saída.  Ao remate da educación obrigatoria o alumnado contará cun informe no que quedará reflectida a súa cualificación non so en cada materia senón tamén a nivel competencial.

A inscrición para este I Congreso Internacional de Educación Tui-Valença continúa aberta a través do formulario habilitado en http://www.edu.xunta.gal/centros/cfrvigo/. A participación é gratuíta. Lembramos que vai dirixido a docentes, alumnado universitario, técnicos municipais, axentes educativos, ANPAS, sindicatos, grupos de innovación e editoriais e público en xeral.