Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O catedrático Giulio Cipollone pecha o ciclo de conferencias sobre o Padre Salvado este sábado en Tui

4/04/2014

Venres, 4 de abril de 2014. O catedrático de Historia da Igrexa da Pontificia Universidade Gregoriana de Roma, Giulio Cipollone, será o encargado de clausurar este sábado o ciclo de conferencias dedicadas ao Bispo Rosendo Salvado que se veñen celebrando desde inicios do mes de marzo no Seminario Menor de Tui.

A cita será ás 12h baixo o lema Salvado e o outro. Precursor en dereitos humanos e “humana” convivencia. O profesor italiano achegará a faceta humanística de Rosendo Salvado logo dunha presentación que correrá a cargo de Ángel Carnicero, delegado diocesano para o bicentenario do bispo tudense.

Giulio Cipollone, relixioso sacerdote, é discípulo do xesuíta e historiador da Igrexa,  Friedrich Kempf. Profesor ordinario e catedrático de Historia da Idade Media da Facultade de Historia e Bens Culturais da Igrexa na Pontificia Universidade Gregoriana de Roma exerce tamén noutros centros académicos da mesma cidade.

Escribiu numerosas monografías e artigos  entre os que nos merece salientar a obra titulada Aborigeno con gli aborigene (Aborixen cos aboríxenes) producida en colaboración con C. Orlandi e na que recolle a Relación da Misión Benedictina de Nova Nursia na Australia Occidental (1844-1883), documento de gran valor para coñecer máis a fondo a labor evanxelizadora do Bispo Salvado.