Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Camiño Portugués a Santiago obxecto dunha xornada este sábado en Tui

13/02/2014

Está organizada pola GNP-AECT, a Eurocidade Tui-Valença e Axencia Turismo de Galicia

Xoves, 13 de febreiro de 2014. A Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia – Norte de Portugal, a Eurocidade Tui – Valença e a Axencia Turismo de Galicia organizan este sábado unha xornada sobre o Camiño Portugués a Santiago, no Salón de Actos da Aula UNED, no antigo Convento de San Domingos, en Tui. Celebrarse entre ás 9.30h e ás 14h.

Co obxectivo de potenciar o desenvolvemento do Camiño Portugués e valorar as oportunidades de dinamización dos recursos patrimoniais e turísticos da Eurorexión Galicia-Norte de Portugal que o camiño ofrece, o programa da xornada abranguerá mesas redondas de debate e a presentación do libro de actas do IV Encontro sobre os Camiños Portugueses a Santiago.

O alcalde de Tui Moisés Rodríguez, e o presidente da Cámara Municipal de Valença, Jorge Salgueiro serán os encargados, ás 10h, de abrir esta xornada xunto á directora Xeral de Turismo da Xunta de Galicia, Nava Castro.  Estarán presentes amais os alcaldes de Pontevedra, Santiago, Caldas e Portas, así como representantes de todos os concellos tanto galegos coma portugueses por onde pasa o Camiño Portugués a Santiago. Tamén se contará coa presenza do xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo. 

Por outra banda, o presidente do Intergrupo "Camiños de Santiago" do Parlamento Europeo, Francisco Millán Mon,  será o encargado de abrir a mesa redonda sobre a potenciación para o desenvolvemento do Camiño Portugués . Xunto a el participarán representantes da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo e das Asociacións Portuguesa e Galega de Amigos do Camiño Portugués.

A clausura da xornada será ás 13:30h e  virá da man de Emídio Gomes, Presidente da Comisião de Coordinação e Desenvolvimento Regional – Norte logo da presentación das conclusións e do libro de actas do IV Encontro sobre os Camiños Portugueses .