Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O bailarín tudense Ángel Giráldez formarase na Vaganova Ballet Academy en San Petersburgo

13/08/2019

Hoxe foi recibido polo alcalde e a concelleira de Cultura que destacaron o fito que supón acceder a esta prestixiosa escola

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, recibiron este mediodía na casa do concello ao xove bailarín tudense, Ángel Giráldez, que aos seus 18 anos comezará en setembro os seus estudos na Vaganova Ballet Academy en San Petersburgo, fundada en 1738.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou que é todo un fito que un bailarín tudense se forme nesta prestixiosa escola internacional. Mentres a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicentes, apuntou que é un orgullo que este xove leve o nome de Tui até Rusia.  Compartiron algúns minutos na alcaldía onde coñeceron o esforzo realizado po Ángel ao longo dos últimos anos para facer realidade o seu soño de ingresar nesta academia. Acompañado polos seus pais

Ángel Giráldez comezou de nenos a súa formación en ballet na Escola de Danza Paula Cobián, e tras un paréntese retomou as clases aos 12 anos soñando xa daquela con poder ir estudar a San Petersburgo. Os dous últimos anos estudou  no Real Conservatorio Profesional de Danza Mariemma, en Madrid, onde cursou os dous anos de bacharelato. Este verán, ao igual que fixo nos dous anteriores, participou no Russian Masters Ballet Camp en Alacante, onde ao remate da gala celebrada no Teatro Principal, coñeceu a boa nova de que fóra admitido para cursar estudos na Vaganova Ballet Academy de San Petersburgo.

Previa a súa partida cara Rusia, prevista para mediados de setembro, estes días Ángel Giráldez, xunto aos seus pais, ultima os visados e trámites necesarios, mentres comeza a aprender tamén ruso.