Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Apalpador chega o luns a Tui

17/12/2022

Será a partir das 19 h ao Paseo da Corredoira

O Apalpador chegará o próximo luns, 19 de decembro, ás 19 h a Tui. Durante unha hora fará un percorrido polo centro urbano dende o Paseo da Corredoira interactuando co público e levando a música e as súas historias a pequenos e maiores. O Apalpador, o seu burro Río Lor, e o acordeonista Servando Barreiro darán a coñecer a tradición galega do Nadal ás nenas e nenos fomentando o respecto ao medio ambiente e os hábitos de alimentación saudable e dinamizando a lingua galega.

Amais o Apalpador entregará xa o luns un agasallo ao concello de Tui, será unha árbore autóctona que logo será plantada nun espazo público.  

A visita do Apalpador forma parte do programa “Nadal en Galego” da área de Lingua da Deputación de Pontevedra.

O programa ‘Nadal en Galego’ foi deseñado tamén para fomentar o coñecemento da tradición de Nadal propia da Galiza e para que as e os máis novos poidan familiarizarse co mítica figura galega e coñecer a súa historia. Na orixe, 'O Apalpador' representábase como un carboeiro de barba vermella que baixaba das montañas ás vilas para apalpar os bandullos das crianzas e comprobar se comeran suficiente durante o ano, deixando ao seu carón agasallos e castañas.