Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O anexo da Sala Municipal de Exposicións acolle as obras da sétima edición de ‘Pinta Tui’

19/01/2023

O anexo da Sala Municipal de Exposicións do Edificio Francisco Sánchez acolle ata o 12 de febreiro a exposición das obras gañadoras e participantes na sétima edición do certame de pintura rápida ‘Pinta Tui’.

O concurso celebrouse o pasado mes de novembro, organizado pola Asociación de Comerciantes e Industriais de Tui (ACITUI), coa colaboración do Concello e outras entidades da cidade. Nesta edición participaron 45 persoas de toda a provincia de Pontevedra, recollendo nas súas obras espazos e lugares de Tui con diversas técnicas e estilos.

Entre as obras expostas estarán as gañadoras en categoría adulta, que premiou a Martina Bugallo, e xuvenil, na que venceu Martiño Ojea. Xunto a elas, na exposición pódense apreciar as creacións de Sergio Ribeiro, Javier Pereira, Servando Barros e José Luís García en categoría de adultos.

Na xuvenil, amais da obra gañadora, estarán expostas as obras de Arianna Pazos e Uxía Soto, mentres que na categoría infantil poderanse visitar as pinturas de Desirée de Dios e Manuela Martínez.

A exposición pode visitarse en horario de 9 a 14 h. e de 16 a 21 h, durante a semana, e os sábados de 9 a 13 h.