Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Alcalde reclama maior axilidade administrativa nas relacións transfronteirizas

17/12/2012

 O ALCALDE DE TUI RECLAMA UNHA MAIOR AXILIDADE ADMINISTRATIVA NAS RELACIÓNS TRANSFRONTEIRIZAS

En apoio ás reclamacións das empresas galegas pola esixencia lusa dunha “guía de circulación”

 

O Alcalde de Tui diante da situación creada nas relacións transfronteirizas polas dificultades administrativas derivadas da esixencia de obtención dunha “guía de circulación” para os vehículos propiedade dunha empresa española usado polos seus traballadores con finalidade comercial, reclama unha maior axilidade administrativa neste tema para lograr o obxectivo común dunha maior cohesión en todos os niveis.

 

Moisés Rodríguez Pérez coñecedor da situación amosa o seu apoio a estas reivindicacións dos empresarios e se ten interesado por este tema diante do Presidente da Cámara Municipal de Valença e ten solicitado á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea a súa colaboración ao respecto. En conversa co director xeral en funcións, Jesús Gamallo Aller, teñen abordado esta problemática e os servizos técnicos da Xunta de Galicia están traballando na procura de solucións alternativas. Rodríguez Pérez expresa o seu apoio ás xestións que ao respecto realiza tamén á Camara de Comercio tudense.

 

Moisés Rodríguez Pérez reclama a condición transfronteiriza de numerosas empresas que traballan en Tui e na súa contorna sexa contemplada na normativa estatal, neste caso portuguesa e namentres se estableza un réxime transitorio que evite as sancións económicas.

 

O Alcalde tudense conclúe que feitos como este evidencian o acerto das administracións locais de Valença e Tui ao asinar  o seu acordo de creación da eurocidade que pretende traballar conxuntamente para lograr que a cohesión entre os cidadáns de ambas localidades coa finalidade de que poidan vivir nun mesmo espazo territorial plenamente integrados. A eurocidade é, neste sentido. unha reclamación ás autoridades de ambos estados para que avancen nesta liña de unificación normativa que facilte a comunicación entre os cidadáns, as empresas, etc. favorecendo a integración e cohesión deste territorio.