Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O alcalde de Tui visita a escola infantil "A Galiña Azul" de Tui

10/10/2013

Xoves, 10 de outubro de 2013. O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, acompañado pola concelleira de Servizos Sociais, Olga Motnes, realizaron na mañá de hoxe unha visita á Escola Infantil “A Galiña azul” que está nestas xornadas completando o proceso de adaptación dos seus nenos e nenas. Na actualidade xa superan os setenta nenos que asisten diariamente ás instalacións da Escola e nos vindeiros días se completará este proceso ata acadar a cifra de 82 alumnos que é o número máximo para o que están preparadas as instalacións.

Esta Escola Infantil conta seis unidades (2 aulas para nenos de 0-1 anos, 2 aulas para nenos de 1-2 anos e outras dúas para os nenos de 2-3 anos de idade) así como un aula de usos múltiples, e unha zona de servizos que abrangue cociña, vestiarios, sala de profesores, despacho de dirección e espazos para as instalacións. En total esta Escola Infantil tudense conta con 514,60 m2 de superficie construída xunto a 107,75 m2 de espazos exteriores. O investimento realizado nesta Escola Infantil chegou aos 730.000 euros

En total son 82 prazas públicas de gardería nun concello que, ata agora, só dispuña de servizos similares de carácter privado e oferta o seu servizo a unha poboación importante dun municipio eminentemente nova, no que o 35% dos veciños teñen menos de 30 anos.

O funcionamento desta Escola Infantil é asumido, ao abeiro do convenio asinado no seu día, entre o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia e o Concello de Tui que achega mais de 100.000 euros para o funcionamento deste servizo, evidenciando o seu compromiso cos servizos sociais e as medidas de conciliación entre a familia e o traballo

O rexedor tudense realizou unha visita a todas as instalación desta Escola Infantil acompañado pola súa directora e comprobou o funcionamento da mesma e departiu co persoal para coñecer de primeira man as necesidades deste novo equipamento público. Trala visita Moisés Rodríguez expresou a súa satisfacción pola posta en marcha desta Escola Infantil que na vindeira semana xa estará funcionando a pleno rendemento e que facilita a un bo número de familias o coidado dos seus fillos e a conciliación entre a vida familiar e a laboral.