Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O alcalde de Tui urxe en Madrid o inicio do desentullo da zona cero de Paramos

7/11/2018

Visitou esta mañá os ministerios de Política Territorial e Interior onde entregou sendas cartas para os seus titulares

O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, desprazouse a Madrid onde hoxe entregou persoalmente nos ministerios de Política Territorial e Interior dúas cartas dirixidas aos seus titulares, Meritxell Batet e Fernando Grande-Marlaska. Previamente diante do Ministerio de Política Territorial, portando un saco de entullo da zona cero de Paramos, lembrou a falla de concreción do goberno central sobre as actuacións no barrio da Torre en Paramos.

O alcalde lembrou que pese a que a comezos de setembro o goberno declarou a zona como gravemente afectada por unha emerxencia de Protección Civil, por agora non se publicou o decreto que desenvolve esta declaración. Aínda que hai compromisos verbais sobre a desgravación fiscal das axudas que poidan percibir os afectados ou de acometer o desentullo polo momento non se ten plasmado nada por escrito. Indicaba o rexedor que o Concello de Tui merece “respecto institucional” aludindo a falla de contestación que ten tido polo de agora ás cartas e aos correos electrónicos que ten enviado a Madrid, e precisando que “en Tui teñen un problema sen atender”.

Así na misiva remitida á ministra de Política Territorial o alcalde urxe á concreción dunha data para o inicio do desentullo, conforme ao proxecto que o 10 de setembro presentou na subdelegación do goberno en Pontevedra, e que esta a súa vez enviou a Madrid.  En concreto o alcalde solicita ao Ministerio a contratación, á maior urxencia posible, a través dunha empresa pública dos labores de desentullo da zona cero.

Por outra parte na carta dirixida ao ministerio de Interior o alcalde demanda a súa intervención coa subdelegación do Goberno, para que de forma inmediata se produza a coordinación suficiente que permita, con todas as garantías de seguridade, o desaloxo urxente de todo o material explosivo situado nas instalación da pirotecnia La Gallega en Baldráns.

O rexedor anuncia a convocatoria dun pleno extraordinario cando teña notificación oficial da denuncia da fiscalía

Precisamente en relación á pirotecnia La Gallega o alcalde asume o compromiso público de convocar un pleno de carácter extraordinario en canto teña notificación oficial da denuncia presentada onte pola Fiscalía, nos xulgados de Tui, por un presunto delito de desobediencia en relación ao cumprimento da sentenza do Xulgado Contencioso Administrativo nº1 de Pontevedra sobre o peche, desaloxo e derrubo de parte das instalacións da empresa pirotécnica La Gallega en Baldráns.