Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Alcalde de Tui participou onte en Viana no cumio politico-empresarial sobre o tren do miño

4/06/2012

O Alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, participou onte na cidade lusa de Viana do Castelo nun cumio político-empresarial sobre o tren do Miño onde se constituiron en comité de seguimento dos acordos do Cumio Ibérico reclamando a modernización da liña ferroviaria que conecta a euro-rexión.

A esta reunión asistiron alcaldes e representantes políticos dos Concellos de Porto, Viana do Castelo, que preside na actualidade o Eixo Atlántico, Barcelos, Tomiño, Tui, Caminha, Vila Nova de Cerveira; a CCDR-N (Comissâo de Coordenaçâo e Desenvolvemento Regiâo Norte), o director xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia, Miguel Rodríguez Bugarín, en representación do conselleiro Agustín Hernández, que non puido asistir por un problema de axenda de última hora, o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, José Manuel Figueroa e as representacións empresariais da Confederación de Empresarios de Pontevedra, CEP, A Asociación Empresarial de Portugal, a Asociación de Empresarios de Viana do Castelo e representantes de AIMinho, así como do colectivo Comboios S.XXI.

O conxunto dos dirixentes políticos, empresariais e sociais da euro-rexión Galicia Norte de Portugal que fai un ano se reuniron en Viana para reclamar a modernización da liña ferroviaria entre Vigo e Porto, na xuntanza de onte en Viana do Castelo decidiron constituírse en Comité de Seguemento dos acordos alcanzados por España e Portugal na XXV Cumbre Ibérica, celebrada recentemente en Porto. Na reunión, na que se incorporaron tres novas entidades, dúas empresariais e unha cívica de Portugal, recordaron que representan a unha área funcional de máis de 2 millóns de habitantes, tamaño similar a da área metropolitana de Lisboa.

Os presentes acordaron mostrar a súa satisfacción e agradecemento aos gobernos de España e Portugal porque a Cumbre Ibérica, celebrada recentemente, reflectira nas súas conclusións as propostas realizadas fai un ano pola Cumbre de Viana, impulsada polo seu alcalde e presidente do Eixo Atlántico, Jose María Costa.

O Comité de Seguemento constituído onte en Viana dirixirá aos Primeiros Ministros e presidente de Portugal, e de España e Galicia, así como aos ministros responsables das áreas relativas aos ferrocarrís de ámbolos países para transmitirlles dito agradecemento, pero tamén para manifestarlle que o comunicado final da XXV Cumbre Ibérica é insuficiente na medida en que non se concretan prazos, primeira demanda do Comité constituído.

Coa concreción da Conexión ferroviaria Porto-Viana do Castelo-Vigo, conformaríase un eixo central dunha liña troncal entre Sines e Ferrol que non só conectaría portos e aeroportos de toda a fachada atlántica peninsular para o aproveitamento económico que suporá a ampliación do Canal de Panamá, senón tamén das tres conexións ferroviarias co centro de Europa desde Sines, Aveiro e Monforte de Lemos.

Para o Alcalde de Tui con esta nova xuntanza queda patente que a transcendencia do traballo iniciado polo Concello de Tui e a Cámara de Valença que foron das primeiras entidades en amosar a súa oposición á desaparición da liña férrea Porto – Vigo e en reclamar a súa modernización como un elemento imprescindible para a vertebración da euro-rexión e o desenvolvemento da eurocidade Tui – Valença.