Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O alcalde de Tui intervirá no X Plenario da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal

24/01/2014

 

Venres, 24 de xaneiro de 2014. O vindeiro luns,  27 de xaneiro, os representantes da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal reuniranse no parador de Baiona co motivo do  X Plenario do proxecto transfronteirizo.

A Eurocidade Tui-Valença solicitou o seu ingreso neste organismo recentemente, o cal será aprobado neste acto xunto coa inclusión da unión  Chaves-Verín. Con tal motivo, o alcalde de Tui, Moisés Rodriguez intervirá na reunión coma representante da nosa Eurocidade.

A Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal ten coma principais obxectivos o desenvolvemento de servizos comúns culturais, sociais ou deportivos, o establecemento de redes de cooperación intermunicipal nos campos da xestión , ordenamento do territorio , desenvolvemento empresarial e integración social, etc.

O proxecto CT Galicia-Norte de Portugal cobra importancia así ao racionalizar os investimentos e gastos públicos para diminuír os riscos de desigualdade entre persoas, territorios e rendas.

No acto, presidido por Alberto Nuñez Feijoo, actual presidente do organismo, estarán os representantes das diferentes localidades transfronteirizas que conforman o proxecto. Abordaranse temas coma O Plan de Investimentos Conxuntos 2014-2020 da Eurorrexión, Balance e perspectivas das actividades desenvolvidas así coma a sinatura do Protocolo para a implementación do Programa de Mobilidade Interuniversitaria da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, Iacobus.

Por outra banda, o luso Emidio Gomes, actual titular do organismo Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte,  será o próximo presidente do proxecto e o encargado de clausurar  este  X Plenario da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal.