Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Alcalde de Tui foi recibido onte polo presidente da Xunta de Galicia

11/06/2013

Analizaron diversos aspectos da vida tudense: Novo Centro Saúde, Pepch, Vac, etc.

Martes, 11 de xuño de 2013. Moisés Rodríguez Pérez, alcalde de Tui, foi recibido na maña de onte polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, no seu despacho nos Edificios Administrativos de San Caetano e no decurso da entrevista repasaron os diversos temas de interese común entre ambas administracións publicas, evidenciando o amplo grao de colaboración existente entre a Xunta de Galicia e o Concello de Tui.

A inmediata apertura da escola infantil, a creación do Consorcio das Augas do Río Louro, a próxima clausura do Obradoiro de Emprego, o funcionamento da Eurocidade... son algunhas das realidades que xorden desta positiva cooperación entre as administracións local e autonómica e que repercuten positivamente no benestar dos veciños de Tui.

Aproveitaron tamén para analizar a situación da tramitación administrativa da adxudicación das obras do novo Centro de Saúde de Tui, informando o presidente da Xunta da súa vontade de licitar, posiblemente neste mesmo de xuño, esta obra e o seu firme compromiso neste tema.

Foron estudados outros asuntos como a necesidade de mellorar as condicións da zona da fronteira tudense, as comunicación ferroviarias, o proceso de aprobación do Plan Especial do Conxunto Histórico tudense, as obras no Vial de Alta Capacidade Tui – A Guarda, a situación económica do Concello, etc.

Tamén o alcalde amosoulle ao presidente da Xunta a súa satisfacción polo traballo que se desenvolve no tema das arbitraxes das “preferentes” e que está posibilitando que numerosos pequenos aforradores de Tui poidan recuperar os seus cartos. Xa son máis de trescentos os tudenses acollidos a arbitraxe e que teñen recuperado a totalidade dos seus aforros.

Segundo o alcalde tudense a reunión desenvolveuse nun clima de gran cordialidade, quedando patente o compromiso do presidente Feijoo para continuar impulsando o progreso do municipio tudense e o benestar dos seus veciños, garantindo a calidade dos servizos públicos.