Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O alcalde de Tui denunciará ao edil Laureano Alonso por presentar denuncias falsas

7/05/2019

O rexedor solicitará o anticipo da comparecencia, xa que foi citado pola fiscalía para comparecer o 23 de maio

O alcalde, Carlos Vázquez Padín, deberá comparecer o próximo xoves 23 de maio, ás 10.30 h nos xulgados de Vigo ante a fiscalía coma investigado tras as dúas denuncias presentadas, e admitidas a trámite, polo concelleiro Laureano Alonso  en representación de Son de Tui. O rexedor tudense, Carlos Vázquez Padín, compareceu esta tarde en rolda de prensa, respaldado polos seus compañeiros do equipo de goberno Mila González, Mª Jesús da Silva e Eduardo Freiría, para anunciar a súa vez que presentará denuncia contra Laureano Alonso por denuncia falsa, sen descartar tampouco outras accións legais.

Esta mesma mañá o alcalde de Tui recibiu as dúas citacións da fiscalía polas dúas denuncias presentadas o pasado mes de xaneiro, e sobre as que terá que comparecer coma investigado a tres días de que se celebren as eleccións municipais o que cualificou de “cacería contra a miña persoa” xa que considera que este feito “lle causa un dano irreparable” no caso de que se demostre a falsidade das acusacións.

A primeira denuncia presentada contra o alcalde refírese á xestión de residuos da apertura da rúa Ourense, na que Laureano Alonso solicita da fiscalía que investigue se poden ser constitutivo de delito a retirada da pedra dos inmobles existentes e posterior venda pola empresa adxudicataria das obras. O alcalde explicou esta tarde ante os medios de comunicación que no proxecto de apertura da rúa Ourense, que data de 2016 cando Laureano Alonso era membro do equipo de goberno, non figura que ningún material tivera que quedar en propiedade do concello. Precisaba nese senso que se “algún erro ten o proxecto non é achacable ao equipo de goberno actual, senón ao anterior”.  Apuntou amais que a xestión de residuos fíxose baixo a supervisión do director da obra.  Lembrou amais que foron quince as empresas que se presentaron á licitación da apertura da rúa Ourense, que foi adxudicada por 182.299,81€, á segunda proposta máis baixa, xa que a de menor contía foi rexeitada por baixa temeraria.

A segunda denuncia pola que terá que comparecer tamén o alcalde de Tui refírese á contratación dun asesor externo en materia urbanística. Puntualizaba o alcalde que esta denuncia foi presentada por Laureano Alonso o 21 de xaneiro, cando non foi até o 28 de xaneiro cando o mesmo concelleiro solicitou a documentación no concello, e dous días despois o alcalde asinou a resolución dándolle acceso a esta documentación, o que significa que presentou a denuncia sen ter consultado o expediente.  Aclarou Carlos Vázquez Padín que é falso que se incumprira a Lei de Contratos, porque esta persoa non tiña outro contrato en vigor co concello, e o asesor asinou un contrato de Protección  de Datos de Carácter Persoal, co que se garante a confidencialidade dos expedientes aos que ten acceso.  Tamén afirmou que esta persoa non emitiu ningún informe que substitúa aos preceptivos que teñen que ser realizados polos funcionarios municipais.  Sobre esta denuncia opinou o rexedor tudense que “parece que vai en defensa da funcionaria técnica da Administración Xeral do departamento de urbanismo”, que segundo comunicou a oposición en roda de prensa denunciou ao alcalde por acoso laboral, e que tras estar de baixa está agora en comisión de servizos no Concello de Gondomar.

Avanzou o alcalde que solicitará da fiscalía que se anticipe a súa comparecencia, para non coincidir coas datas finais da campaña electoral. E pediu á fiscal que “fale coa súa compañeira de delitos urbanístico para preguntarlle a súa opinión sobre Tui”.