Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O alcalde de Tui abordou co director xeral de Cultura a programación do ano Francisco Sánchez

10/01/2023

Reuníronse esta mañá, xunto á concelleira de Cultura, na casa do Concello

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, recibiu hoxe na Casa do Concello tudense ao director Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade, Anxo Lorenzo Suárez. O obxecto desta xuntanza foi presentarlle ao máximo responsable da acción cultural da Xunta de Galicia o programa elaborado polo Concello de Tui para a celebración deste ano 2023 como “Ano Francisco Sánchez”.

Na xuntanza na que tamén participou a concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente Solla, abordaron as diversas propostas de actividades arredor da figura do médico e filósofo Francisco Sánchez, de quen se cumpren catrocentos anos do seu falecemento. Unha exposición, tanto en Tui como itinerante pola Red de Juderías, diversas publicacións, xornadas divulgativas e un congreso de carácter académico... son algunhas das propostas abordadas nesta xuntanza.

O Pleno da Corporación Municipal tudense na súa sesión de 24 de novembro pasado acordou a declaración do ano 2023 como Ano de Francisco Sánchez  coa finalidade de promocionar a súa figura e o seu legado.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, agradeceu ao director xeral de Cultura que se teña achegado ata a nosa cidade e a súa favorable acollida á proposta de colaboración presentada polo concello tudense arredor da programación do Ano Francisco Sánchez que se plasmará nun documento de cooperación entre a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade e o Concello de Tui.