Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O acendido da iluminación abre a programación “Tui, o Camiño de Nadal, o camiño natural”

29/11/2019

Será mañá domingo, 1 de decembro, ás 19.30 h na praza da Inmaculada

Mañá domingo, 1 de decembro, comeza a programación “Tui, o Camiño do Nadal, o camiño natural” organizada polo Concello de Tui.

O acendido da iluminación de Nadal marcará o inicio da actividade festiva que xira este ano entorno ao medio ambiente e ao patrimonio natural, histórico e inmaterial da cidade.

Na praza da Inmaculada, mañá domingo ás 19.30 h, terá lugar o acendido simbólico da iluminación. Na propia praza sitúase unha gran caixa de agasallo. Diferentes motivos de Nadal en luces led iluminarán as distintas rúas tudenses, o conxunto histórico  e este ano haberá tamén un arco luminoso na entrada de cada unha das parroquias tudenses.

A Rondalla O Mosteiro de Pexegueiro, integrada por máis de 70 persoas será a encargada da animación musical neste primeiro día da programación de Nadal.

Dende este domingo lucirá xa a decoración especial creada para a ocasión con material de refugallo e con motivos vinculados ao Camiño de Santiago ou a películas infantís. Estará situada nas prazas do Concello, San Fernando, a Armada e Fromista, e nas rúas Ordóñez, Ourense e Colón e noutros puntos da cidade.  Unha árbore de madeira co nome de todas as parroquias tudense e a frecha do Camiño a modo de estrela, o buzón real, un dos vehículos da película Cars transformado en trono, un pergamiño no que deixar desexos, monecos de neve, Rudolf, Frozen, piruletas, un tren, ou unha pedra indicativa do Camiño, son algúns do motivos que decorarán o Nadal en Tui.