Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O 22 Concurso de Patrullas da Brilat entre Tui e Santiago partirá mañá da Corredoira

27/06/2023

A proba militar forma parte dos actos conmemorativos polo 57 aniversario da Brigada “Galicia” VII - Brilat. Sairán ás 8.45 h dende Tui

Un total de 216 militares participarán na vixésimo segunda edición do Concurso de Patrullas da Brilat que partirá mañá mércores ás 8.45 h dende o Paseo da Corredoira, en Tui.  Nela, os e as militares de cada patrulla poñerán a proba a súa capacidade de sacrificio, a súa habilidade e a súa resiliencia.

A competición, de carácter militar, consiste nunha marcha rápida con equipo e armamento regulamentario sobre a base do percorrido coñecido como Camiño Portugués, dende Tui até Santiago de Compostela. Durante o itinerario os equipos terán que afrontar distintas probas militares. Ditas probas serán recorrido topográfico, tiro de precisión con fusil, paso de pista de obstáculos, paso de rápel, paso de río, lanzamento de granadas e percorridos cronometrados.

Está considerada como unha das probas militares máis duras de España posto que, ao percorrido de 120 quilómetros portando mochila, equipo e armamento, hai que engadir a realización de sete probas nun período de tempo dun máximo de 26 horas. A meta e a entrega de trofeos terá lugar na Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela este xoves 29 a partir das 18 h. Previamente as patrullas participantes e a Banda de Guerra da Brilat desfilarán dende a Alameda pola rúa do Villar até a Praza do Obradoiro.

Ao igual que na edición anterior, este ano establecéronse dúas categorías: “Compostela”, formada por equipos de catro militares e que realizarán os 120 quilómetros do camiño incluíndo as sete probas; e a categoría “Azor”, na que participan equipos de tres patrullas de tres compoñentes cada unha que, por relevos, percorren un terceiro do percorrido cada unha. En total participarán 216 militares de unidades da propia Brilat, como doutras unidades do Exército de Terra, da Armada e do Exército do Aire.