Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Novas actividades na biblioteca municipal no "Mes dos libros"

26/04/2013

O luns obradoiro “Títeres nas mans”

O martes contos kamishibai polos alumnos do Ceip de Pazos de Reis

 

Venres, 26 de abril de 2013. A Biblioteca Pública Municipal de Tui continua a desenvolver o seu programa de actividade de dinamización lectora que baixo a denominación de Mes dos Libros ofrece una serie de propostas de achegamento ao libro e a lectura para todas as idades. En concreto, o vindeiro lúns 29 de abril ás 18,00 horas terá lugar un obradoiro denominado “Títeres nas máns” e o martes 30 de ás 17,30 horas o alumnos do CEIP de Pazos de Reis ofrecerán unha sesión de contos kamishibai.

 

“Pintar na man personaxes imaxinados, dar vida coa manipulación e a voz a eses títeres. Xogar a contar pequenas historias inventadas polos participantes” é o obxectivo do obradoiro “Títeres nas más” a celebrar o luns 29 de abril ás 18,00 horas. Este obradoiro creativo está dirixido a nenos e nenas entre os 3 e os 9 anos de idade.

 

Pola súa banda, o martes 30 de abril ás 17,30 horas os alumnos do CEIP de Pazos de Reis ofrecerán unha sesión de contos coa técnica tradicional xaponesa do kamishibai e así os alumnos de E. Infantil narrarán o conto “O castelo en guerra”, os alumnos de Primeiro de Primaria “Historia Encantada”, namentres que os alumnos de terceiro curso de primaria narrarán o conto “O neno coas mans e a cabeza ao revés” e finalmente os rapaces de cuarto de primaria contarán “O feitizo de Drácula”. “Kamishibai” é unha palabra xaponesa que significa “Teatro de Papel”. É unha técnica especial de linguaxe oral, que forma parte da herdanza cultural xaponesa. Unha forma, dende séculos, de contar contos en Xapón. Trátase dun teatriño de madeira cunha sucesión de láminas coas que se narra e interpreta unha historia.

 

Con estas novas actividades a Biblioteca Municipal tudense continúa apostando pola promoción do libro e a lectura como elementos básicos da súa oferta. A programación do “Mes dos libros” continuará o martes 7 de maio cun nova contacontos agora a cargo de Soledad Felloza.