Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo

"Noite de contos" con Quico Cadaval e Jose Mari Carrere o venres no Teatro Municipal

15/11/2007

Quico Cadaval e Jose Mari Carrere toman a palabra en “Noite de contos”

Esta sesión de contacontos terá lugar o venres ás 21h no Teatro Municipal  

Mércores, 14 de novembro de 2007. A palabra e a tradición oral é a protagonista este  venres no Teatro Municipal de Tui en “Noite de contos”. A tradición oral de Galicia e do País Vasco chegará cos contadores Quico Cadaval e Jose Mari Carrere. As entradas estarán á venda a partir catro e media da tarde ao prezo de 3€, 2,5€ con desconto e 2€ para os menores de 12 anos. 

O galego Quico Cadaval presenta a súa contada baixo o título “Do popular ao culto: autoestradas e corredoiras” coa que pretende demostrar que a circulación entre o popular e o culto é máis fluída do que algúns sospeitan e moitos desexan. Por iso aposta por reconsiderar o papel do pobo como axente cultural na modernidade. 

O vasco Jose Mari Carrere parte do título “Todo o que se nomea existe” para relatar a historia dun avó e a súa neta mesturada cos contos vascos de tradición oral creando un mundo marabilloso. O obxectivo é chegar á realidade ao través da fantasía adentrándose no mundo dos contos e no mundo marabilloso das persoas. 

As próximas citas no Teatro Municipal de Tui será o venres 23 con Teatro do Atlántico coa posta en escena de “A bombilla máxica”; o 30 co CDG e “Noite de Reis”; e xa en decembro o día 14 con Galitoon e o espectáculo infantil “Golulá” e o venres 28 co Concerto de Fin de Ano.   

“Noite de Contos” con Quico Cadaval e Jose Mari Carrere

Lugar: Teatro Municipal, r/Colón nº2 Tui

Data: Venres 16 de novembro  ás 21.00h

Prezo: 3€ - 2,5€ con desconto – 2€ para os menores de 12 anosRetirada de localidades dende ás 16.30h

Organiza: Concellería de Cultura de Tui