Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A nena Rosalía de Castro chega este venres ao Teatro Municipal da man de Culturactiva

23/03/2022

Fina Calleja dirixe ás actrices Rocío González e Cristina Collazo  nesta obra que pecha a programación de febreiro e marzo

Este venres, 25 de marzo, ás 19 h chega ao Teatro Municipal de Tui o espectáculo “Rosalía” da man de Culturactiva. Este espectáculo pecha a programación dos meses de febreiro e marzo neste espazo.

Baixo a dirección de Fina Calleja sobre o escenario estarán Rocío González e Cristina Collazo.

A obra achéganos á infancia de Rosalía de Castro, onde unha nena canta, xoga, le, come chocolate… Rosalía quere amosarlle aos nenos e nenas que a infancia é o lugar onde medran as poetas : entre a rebeldía, as lecturas, a curiosidade, o xogo e as cancións con rimas e sen autor.

 Esta Rosalía está a piques de marchar a Santiago coa súa nai e deixar a aldea onde viviu baixo a tutela das súas tías paternas. María Rosalía Rita agóchase no faiado, pechando a porta tras ela, facéndose forte nese lugar máxico que ben coñece, que habitou en segredo e que está ateigado de tesouros.

Esta Rosalía é unha obra de muller pensada para nenas e nenos de Primaria -e para as súas familias e docentes- por unha equipa de mulleres intensamente vencelladas ao teatro de palabras para espectadoras e espectadores que viven no país da infancia.

As entradas están á venda en www.tui.gal aos prezos de 4€ e 3€.