Música no Claustro celebra a súa décima edición do 6 ao 10 de agosto en Tui
Concertos, obradoiros, visitas guiadas, exposicións conforman un programa multidisciplinar para celebrar os dez anos do festival
Martes, 29 de xullo de 2014. "Música no Claustro é máis que un festival de música" así o expuxo esta mañá o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, na presentación da décima edición deste evento cultural que terá lugar en Tui do 6 ao 10 de agosto. O rexedor tudense referiuse coa súa afirmación ao carácter multidisciplinar que ten o festival, reforzado máis se cabe co gallo do seu décimo aniversario.
A presentación de Música no Claustro celebrouse esta mañá no Claustro da Catedral de Tui contando coa presenza do alcalde, Moisés Rodríguez, o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, o cóengo da Catedral, D. Ricardo García, o director de Música no Claustro, Samuel Diz, así coma da ourive e do músico Anxo Pintos que estarán presentes nesta décima edición.
D. Ricardo García, cóengo da Catedral, lembrou coma hai dez anos tivo a idea que de crear unha plataforma para apoiar aos novos músicos de Tui que saían do Conservatorio Municipal. Ese espírito segue estando presente na filosofía do festival no marco do Ciclo de Novos Intérpretes JL Música-Dos Acordes no que este ano participarán 30 alumnos do centro tudense abrindo os concertos de cada día. Pero amais a frautista tudense Patricia González, que foi a primeira en actuar en Música no Claustro hai dez anos, volve agora ao festival co seu quinteto de vento madeira "Invento".
Samuel Diz, director do festival explicou coma as liñas mestras deste décimo aniversario están trazadas por unha parte entorno a unha retrospectiva das nove edicións celebradas, pero tamén conmemorando dúas efemérides destacadas coma son os 200 anos do nacemento de Rosendo Salvado en Tui e os 300 anos dos órganos da Catedral tudense. Tamén avanzaba que manteñen o compromiso cos artistas de Tui representados este ano por Victoria Vinader que inspirándose nas doce santas existentes no coro catedralicio, creará doce novas figuras que se colocarán durante o festival en doce arcos do claustro baixo o título de "Constelación de doce mulleres". Mentres o fotógrafo José Luís Puértolas presentará na Fototeca-Estudio a mostra "Instantes de Música no Claustro" cun achegamento ás anteriores edicións do festival. Non faltarán tampouco as visitas guiadas conducidas polo historiador Suso Vila que presentará unha ollada distinta do templo catedralicio con percorridos nocturnos que irán ata o tellados, ás campás ou á matraca. Tamén el será o responsable de guiar a visita ao "Tui de Rosendo Salvado" que irá dende a casa natal do bispo de Nova Nursia no barrio de Riomuíños ata a propia Catedral. E unha das principais novidades deste ano será a "Benvida e visita guiada para peregrinos" que se celebrará do 6 ao 10 de agosto ás 19.30h cun mini concerto e visita á Catedral. Esta iniciativa foi gabada polo xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela, quen salientou coma a cultura e a música son tamén xeitos de dinamizar o Camiño de Santiago. Avanzou nese senso coma máis de 18 mil peregrinos percorreron dende comezos deste 2014 o Camiño Portugués que é xa o segundo camiño máis transitado. E explicou que no Plan Director dos Camiños, que está en fase de redacción, un dos obxectivos é "crear conciencia social de que o Camiño é a icona de Galicia".
Amais de na visita guiada a figura de Rosendo Salvado estará tamén presente no concerto de órgano que Fernando Buide ofrecerá na súa memoria o venres ás 00h na Catedral. Mentres Roberto Fresco, organista da Catedral da Almudena, ofrecerá o domingo ás 10 ás 20.30h o concerto de clausura en co-produción con Música en Compostela.
Música no Claustro volve apostar pola artesanía coa presenza da ourive Susi Gesto que ofrecerá un obradoiro de ourivería para adultos, no que explicaba amosará a ourivería coma ferramenta de expresión. Tamén estarán presentes outros artesáns grazas á colaboración de Artesanía de Galicia.
O festival mantén asemade o seu compromiso coa música tradicional apostando este ano por unha homenaxe a Antón Corral cun concerto que ofrecerán o sábado ás 21.30h Ramón Corral e Anxo Pintos. Este último explicaba que que Antón Corral é unha das figuras claves para entender a música tradicional. Engadía que "toca en Tui é regresar á infancia", xa que aquí pasou a súa nenez e destacou que Música no Claustro "auna continente e contido".
Na presentación Samuel Diz quixo tamén deixar constancia da importancia da madeira no festival presente nos órganos, nos distintos instrumentos, nas ferramentas dos artesáns... e nese senso avanzou que o venres 8 ás 19h haberá unha mesa profesional "Séculos tocando madeira" na que participarán a Asociación de Deseñadores Gráficos e Industriais de Galicia, o Colexio Oficial de Decoradores e Deseñadores de Interior de Galicia, e a empresa madeireira Finsa.
Programación Música no Claustro
Do 6 ao 10 de agosto en Tui | http://www.musicanoclaustro.com/
- - Mércores 6
- o Ás 20.30h na Fototeca Estudio Taller na rúa Porta da Pía 2 Encontro con José Luis Luque Puértolas, artista da exposición "Instantes de Música no claustro"
- o Ás 21:30h no Claustro Gótico da Catedral
- § Ciclo de Novos Intérpretes JLMúsica-Dos Acordes
- § Quinteto inVento en Concerto [música de cámara]
- § Exposición de ourivería "12 sapos para 12 mulleres" de Susi Gesto
- § Despois do concerto... Visita guiada "A porta sempre aporta" Inscrición 6€. Reserva de praza no 652 055 969. Aforo máximo 20 persoas
- - Xoves 7
•o De 10h a 14h no Claustro Gótico da Catedral Obradoiro de ourivería con Susi Gesto. Inscrición 24€ Reserva praza no 652 055 969. Máximo 12 persoas a partir de 18 anos
- o De 12h a 14h na Catedral Xincana monumental con Carla Diz. Participación libre baixo orde de chegada até completar as 20 prazas. Nenas e nenos de 6 a 12 anos
- o Ás 12h na Sala Capitular no Claustro Gótico Obradoiro de declamación poética e spoken word con Marçal Font. Inscrición 6€. Reserva de praza no 652 055 969. Máximo 20 persoas a partir de 13 anos
- o Ás 20.30h no Claustro Gótico Encontro coa artista Victoria Vinader, creadora da exposición "Constelación de doce mulleres"
- o Ás 21.30h no Claustro Gótico
- § Ciclo de Novos Intérpretes JLMúsica-Dos Acordes
- § Marçal Font e Ferran Besalduch en Concerto [poesía e free jazz]
- o Despois do concerto... na Catedral Visita guiada "Doce Santas" Inscrición 6€. Reserva de praza no teléfono 652 055 969. Aforo máximo 20 persoas
- - Venres 8
- o De 10h a 14h no Claustro Gótico da Catedral Obradoiro de ourivería con Susi Gesto. Inscrición 24€ Reserva praza no 652 055 969. Máximo 12 persoas a partir de 18 anos
- o Ás 19h na Praza de San Fernando Obradoiro de xoguetes naturais. Nenos e nenas a partir de 5 anos. Participación libre.
- o Ás 19h no Claustro gótico, xardíns e miradoiro Encontro profesional "Séculos tocando madeira". Acceso libre para profesionais interesados no traballo da madeira (deseñadores, fabricantes, interioristas, carpinteiros, artesáns...)
- o Ás 22.30h En Riomuíños (rúa Bispo Salvado) Visita guiada "O Tui de Rosendo Salvado". Participación libre.
- o Ás 00h na Catedral "Concerto en memoria ao Pai Rosendo Salvado (1814-1900)" por Fernando Buide
- - Sábado 9
- o Ás 17h no Claustro Gótico da Catedral Obradoiro de ourivería con Susi Gesto. Inscrición 24€ Reserva praza no 652 055 969. Máximo 12 persoas a partir de 18 anos
- o Ás 20.30h na Sala Capitular no Claustro Gótico Encontro-coloquio sobre ourivería con Rafael Quintía e con Susi Gesto, artista da exposición "12 sapos, 12 mulleres"
- o Ás 21:30h no Claustro Gotico
- § Ciclo de Novos Intérpretes JLMúsica-Dos Acordes
- § Anxo Pintos e Ramón Corral en Concerto - Homenaxe a Antón Corral
- § Lulavai en Concerto
- o Despois do concerto... na Catedral Visita guiada "Campás e matraca". Inscrición 6€. Reserva de praza no 652 055 969. Aforo máximo 20 persoas
- - Domingo 10
- o Ás 12h na capela barroca das Reliquias de San Telmo Herbens Consort en Concerto [música barroca]
- o Ás 20.30h na Catedral concerto de órgano Roberto Fresco en Concerto. Acceso libre até completar aforo.En coprodución con Música en Compostela
- o Despois do concerto... na Catedral Visita guiada "O órgano desde dentro"
- o Inscrición 6€. Reserva de praza no 652 055 969. Aforo máximo 20 persoas