Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Moisés Rodríguez “Play-Doc segue a ser a xoia da coroa”

19/03/2012

O Festival Internacional de Documentais de Tui comeza este mércores

 

“Play-Doc segue a ser a xoia da coroa” así o afirmaba esta mañá o alcalde, Moisés Rodríguez, na presentación da oitava edición do Festival Internacional de Documentais de Tui que comeza este mércores. Aludía amais o rexedor tudense ao nexo de unión entre Tui e Play-Doc apuntando que o festival da unha imaxe moderna e activa da cidade.  Asegurou amais que este vai ser “un ano máis de éxito de público” desexando “moita vida a Play-Doc.

 

Ante os medios de comunicación amais do alcalde, Moisés Rodríguez, comparecían tamén Juan Carlos Rodríguez Fasero, director do AGADIC, e Sara García e Ángel Sánchez, directores do festival.

 

Juan Carlos Rodríguez Fasero sinala que Play-Doc, pese a cumprirse este ano a súa oitava edición, da a sensación dun festival moi consolidado, apuntando que “este é un festival que correu rápido e está xa na súa madurez”. Por outra parte apuntaba que Play-Doc dálle un elemento máis a Tui para estar no mapa, indicando que festivais coma este permiten ao público acceder a un cinema documental que non ten cabida nos circuítos comerciais. Por último manifestaba que “dende a Xunta, pese as vicisitudes económicas, estamos facemos un esforzo moi importante para apoiar o festival” e desexaba que “continúe dentro de 20 ou 30 anos”.

 

Ángel Sánchez, co-director de Play-Doc, destacaba que a programación ten este ano dúas liñas, unha sobre documentais autobiográficos e outra sobre a paisaxe. Apuntando que os máximos representantes das mesmas son Ross Mcelwee e Artavazd Pelechian, a quen este ano dedican sendas retrospectivas. No festival haberá este ano unha única sección a competición, e manteñen o compromiso de apostar por realizadores galegos. Amais dentro do compromiso e apoio cos novos talentos haberá unha nova edición de “O retrato filmado” e tamén do proxecto “Docs in progress” iniciado en 2010. Pero amais salientaba Ángel Sánchez que o festival “non é solo cine” en referencia ao único concerto en España que Members os Morphine e Jeremy Lyons ofrecerán este sábado ás 00.30h na Sala Metropol, acompañando ao filme documental sobre o seu líder Mark Sandman, falecido durante un concerto.

 

Ángel Sánchez tiña amais palabras de recoñecemento para o público “tan entusiasta e participativo que é un dos grandes activos do festival”, dicía, así como para os Play-Doc Supporters que teñen contribuído economicamente á continuidade do festival.  Do mesmo xeito agradeceu o apoio tanto do Concello como do AGADIC, sen esquecerse do amplo grupo de colaboradores que posibilitan que o festival saía adiante.

 

Pola súa parte Sara García, co-directora de Play-Doc, manifestou sentirse “moi orgullosa desta oitava edición” na que dicía que cristalizan os esforzos feitos até o momento. O obxectivo apuntaba é “seguir adiante e cara arriba” e nese senso aludía ao deseño deste ano que representa unha cámara dando un paso adiante “co ilusión e optimismo” segundo Sara García. 

 

Por outra parte apuntaba que é unha horna que Artavazd Pelechian aceptara a invitación a estar en Tui dende o xoves e até o domingo.  Tamén destacaba a directora de Play-Doc que “fixemos a programación con moito esforzo e incertidumes” pola situación económica, indicando que buscaron unha coherencia en todo o festival, e manifestaba que “reivindicamos o estatus de cine con maiúsculas para o documental”.

 

Play-Doc comeza este mércores, 21 de marzo, ás 20.30h, co acto oficial de inauguración e a continuación coa proxección do filme documental “Photograhic memory” de Mcelwee. A programación continuará ata o domingo ás 22.30h. Toda a información pode consultarse en www.play-doc.com.