Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Miles de persoas pasaron pola Feira de Artesanía na fin de semana

8/05/2014

 

Xoves, 8 de maio de 2014. Miles de persoas achegáronse esta fin de semana a Tui para disfrutar da décimo oitava edición da Feira de Artesanía celebrada na rúa Ordóñez, Praza do Concello, e Praza de San Fernando.

 

Dende a súa inauguración no mediodía do sábado, ata o seu peche pasadas ás dez da noite do domingo foron moitos os tudenses e tamén os visitantes que percorren a trintena de postos dos artesáns de toda Galicia.

 

Os artesáns presentaron as súas creacións en bixutería, cestería, marroquinería, cerámica, pratería, vidro, instrumentos e traxes tradicionais, xoguetes, macramé... rexistrando un importante nivel de vendas. O bo tempo propiciou o paseo pola feira, así coma o goce das actuacións dos grupos folclóricos  de Malvas, Pazos de Reis, Pexegueiro, Randufe, Rebordáns, Ribadelouro e Areas que tanto  o sábado coma o domingo se encargaron de pór a nota musical a cita xa tradicional no comezo do mes de maio en Tui.

 

Esta foi tamén unha magnífica oportunidade para ver o laborioso traballo da Asociación de Palilleiras do Baixo Miño que na propia Praza de San Fernando realizou unha palillada e amosou algunhas das pezas que elaboran. Do mesmo xeito as alumnas do curso de bordado ao aire que se imparte na cidade achegaron as súas creacións con apliques para traxes tradicionais ou instrumentos recollendo.

 

Dende o Concello de Tui realizan unha valoración moi positiva desta edición da Feira de Artesanía tanto pola interesante oferta presentada polos artesáns participantes como pola elevada presenza de público tanto o sábado como o domingo. Asemade queren amosar o seu agradecemento aos artesáns e aos grupos folclóricos participantes pola súa contribución a este balanzo exitoso.