Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo

A mellora de infraestruturas, o embelecemento da cidade, e a recuperación do patrimonio centran os proxectos do Plan Concellos 2017

25/08/2017

O Concello recibe un millón de euros da Deputación de Pontevedra neste plan provincial

A mellora de infraestruturas coma instalacións municipais e viais, o embelecemento da cidade, e a recuperación do patrimonio  centran os proxectos que o concello de Tui está a executar con cargo ao Plan Concellos 2017, do que recibe un millón de euros da Deputación de Pontevedra.

Dos proxectos aprobados que están en fase de contratación, polo que comezarán en breve a executarse, destaca por ser o de maior investimento o acondicionamento dos Xardíns de Troncoso cun investimento de 85.444,20€ dos que 79.999,40 € corresponden a execución material do proxecto e 5.445€ aos  honorarios de redacción de proxecto. Plantexase dotar a estes céntricos xardíns que comunican o Paseo da Corredoira coa zona de San Domingos dun novo deseño co que potenciar a súa condición de lugar tranquilo, rodeado de natureza, ao tempo que crear un espazo sensitivo e emocionando de cor e olor co uso de plantas aromáticas.

Por outra parte, tamén está en fase de contratación a reordenación da rotonda e entorno de Guillarei nunha actuación que persegue o embelecemento dunha das entradas ao casco urbano. A proposta está valorada en 67.412,37€ dos que 64.992,37€ corresponden á execución material e 2.420 € aos honorarios de redacción de proxecto. Mediante a utilización de distintos materiais reprodúcese parte da silueta de Tui. Cunha estrutura de aceiro corten evócase parte da muralla tudense, dúas columnas vexetais representan as columnas da Catedral, e con cantos rodados e lousas imítase o mesmo pavimento da zona monumental.

Outros dos proxectos presentados polo Concello de Tui teñen coma obxectivo a mellora de instalacións municipais. Este é o caso da reforma dos vestiarios das instalacións deportivas Álvarez Durán, en fase de contratación, cun investimento de 69.889,60€. Mentres están pendentes das autorizacións por parte da Consellería de Educación as obras no patio exterior da Escola Infantil Galiña Azul cun investimento de 21.854,03€, o pintado exterior e arranxo dos baños no primeiro andar do edificio do Conservatorio Profesional de Música de Tui, que suporán un investimento de 68.590,05€, e a colocación de caldeira de Pellets na aula da UNED por importe de 49.866,77€

A mellora nas comunicacións con pavimentacións en Bouzabalada e Figueira en Areas, en Parceira en Baldráns, e Curuxeiras en Rebordáns, en Chans en Randufe e Circos en Pazos de Reis, e semaforización no cruzamento entre a rúa Calzada e a Avenida da Concordia, suporán un investimento global de 165.728,81€.

O equipo de goberno aposta, por outra parte, pola recuperación do patrimonio tudense en varias liñas grazas á achega de fondos provinciais. Por unha banda coa adquisición do Teatro Principal, para posteriormente estudar a súa rehabilitación e usos, así coma cunha actuación nas cubertas do Cárcere Vello situado no conxunto histórico, e na ponte do Mosteiro na parroquia de Pexegueiro. Estas dúas están pendentes do informe de Patrimonio para poder licitalas.

Outras actuacións financiadas con cargo ao Plan Concellos 2017 son a adquisición de equipamentos coma unha moto e un sonómetro para a Policía Local, e unha aposta pola novas tecnoloxías coma un MUPI dixital que se colocará na praza da Inmaculada , o equipamento informático co que se renovan algúns dos equipos das oficinas municipais, ou o subministro de  cadeiras e expositores para a área de Cultura.

Por outra parte ao abeiro da liña 2 a Deputación concedeu a Tui achegas para a realización de actividades coma a Cabalgata de Reis, o Entroido, o Campamento de verán,... cun importe de 16.893€.  E por último a liña 3 do Plan Concellos 2017 permitiu ao Concello contratar de xeito temporal a 23 persoas para diversos servizos municipais cunha achega de 225.165,30€. En total Tui recibe da Deputación ao abeiro do Plan Concellos 2017 un total de 1.003.489,37€.

Por outra parte o equipo de goberno de Tui negociou coa Deputación provincial o reinvestimento das baixas producidas na licitación de proxectos con cargo aos Plans Concellos 2015 e 2016. En concreto aprobouse unha achega de 48.398,75€ cuxo obxectivo será o acondicionamento do tramo de senda fluvial que transcorre entre o Lavadoiro da Mariña e a praia da Metralla, e outra por importe de 11.148.€ para o parque infantil de Pexegueiro.

Están pendentes de concesión pola Deputación de Pontevedra as obras de  mellora de beirarrúas na estrada de Baiona- ampliación rúa Colón - e a  construción dunha nave no parque  de maquinaria do Concello de Tui, igualmente reinvestindo as cantidades resultantes das baixas na licitación  das obras de anos anteriores (2015 e 2016).