Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Mañá sábado o Concello de Tui celebra unha xornada institucional para conmemorar o bicentenario do nacemento do Bispo Salvado

28/02/2014

Venres, 28 de febreiro de 2014. Mañá sábado, 1 de marzo, cúmprese o 200 aniversario do nacemento do Pai Rosendo Salvado, data na que, ademais do seu santo, o bispo celebrou a súa primeira misa e fundou Nova Nursia.  Con tal motivo o Concello de Tui, coa colaboración da diocese de Tui-Vigo e do Consello da Cultura Galega, organiza unha serie de actividades que se desenvolverán ao longo de  toda a xornada coa celebración dun acto institucional ás 19h no Teatro Municipal de Tui.

O primeiro evento terá lugar ás 12h na Catedral de Tui onde o bispo da diocese Tui-Vigo, Luis Quinteiro Fiuza, presidirá unha Eucaristía na que o coro “Vox Stellae” interpretará unha misa composta polo Pai Salvado. Ao seu remate, ás 13h, a Banda de Música Popular de Tui ofrecerá un concerto na Praza da Inmaculada onde se atopa a estatua do tudense homenaxeado desde o ano 1949 .

Previo ao acto institucional, ás 18:30h, descubrirase unha placa conmemorativa na casa natal do Pai Salvado situada na rúa Bispo Salvado. Acto seguido o Teatro Municipal acollerá o evento institucional onde intervirá Francisco Díaz Ferros, comisario da exposición do bispo Salvado, Ramón Villares Paz, presidente do Consello da Cultura Galega, Luis Quinteiro Fiuza, bispo da diocese Tui-Vigo e o alcalde de Tui Moisés Rodríguez.  A nota musical virá da man da pianista tudense Andrea González quen ofrecerá un pequeno concerto coa interpretación de pezas de Rosendo Salvado.

A clausura da xornada terá lugar ás 20h na Sala Municipal de Exposicións, no  edificio da Área Panorámica, coa inauguración da exposición  Rosendo Salvado: o valedor do pobo aborixe organizada polo Consello da Cultura Galega. Formada por vinte paneis con fotografías tomadas por Santos Salvado, irmán de Rosendo, e palabras aborixes das nacións nas que o Pai Salvado traballou, recolleranse os aspectos fundamentais da súa obra. Unha colección de obxectos pertencentes ao Pai Salvado coma cartas, libros, cadros ou a cruz pectoral do Pai  será tamén exposta grazas ás cesións de diferentes cidadáns tudenses para a ocasión.

Con este conxunto de actividades o Concello de Tui busca divulgar así a figura do Pai Salvado e achegar o coñecemento da súa obra e personalidade a todos os cidadáns tudenses invitándoos a participar activamente no conxunto de actividades que se desenvolverán ata o mes de xullo . Entre elas inclúense  conferencias no Seminario Menor os mércores do mes de marzo, visitas guiadas polo Tui do Bispo Salvado ou concertos de música a cargo do Conservatorio e Escola Municipal de Música do 10 de marzo ao 14 de maio así coma no IKFEM (Internacional Keyboard Festival ) no mes de xullo.