Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Mañá sábado inaugúrase a exposición exposición da “Associaçao Projecto – NDC” da XV Bienal de Cerveira

17/07/2009

ESTE SÁBADO INAUGÚRASE EN TUI A EXPOSICIÓN "ASSOCIAÇAO PROJECTO - NDC" DA XV BIENAL DE CERVEIRA

 

Este sábado, 18 de xullo, ás 13,00 horas (hora local de Tui) inaugúrase na Sala Municipal de Exposicións deste Concello tudense a exposición da "Associaçao Projecto - NDC" que forma parte do programa da XV Bienal de Cerveira, que nunha nova oportunidade escolle á cidade de Tui como unha das súas sedes, neste caso a única localidade galega que nesta edición participa nas mostras deste importante acontecemento artístico.

 

Acacio Carvalho, Agostinho Santos, Alírio, Ana María, Alvaro Queirós, Belkiss Oliveira, Carlos Barreira, Celeste Cerqueira, Cristina Leal, Daniela Steele, Henrique do Vale, Manuel Bronze, María Conde, Joao Carqueijeiro, Silvestre Pestana, Susana Bravo e Henrique Silva, son os nomes dos artistas portugueses que xunto unha brasileira, un angolano e un mozambiqueño conforman esta exposición que amosa a vitalidade da expresión artística da cultura vinculada á lusofonía.

 

Esta Associação Projecto-Núcleo de Desenvolvimento Cultural ten a súa sede en Vilanova de Cerveira e ven traballando arreo, baixo a dirección de Henrique Silva na afirmación de Cerveira como vila das artes e que posue a súa preferente expresión na celebración da Bienal e no Forum Cultural de Cerveira, no Museo da Bienal, etc.

 

O director da XV Bienal, o pintor Augusto Canedo, sinala que "A XV Bienal de Cerveira dará continuidade ao modelo implementado desde 1978, assente numa estratégia de descentralização cultural e na dimensão internacional do evento, apresentando as mais recentes realizações artísticas e tendências estéticas actuais. A Bienal de Cerveira, relaciona-se com um passado histórico, que a torna numa referência incontornável no panorama da arte contemporânea em Portugal, desde a década de setenta"

 

Para o Concello de Tui é unha honra acoller ata o 31 de agosto esta mostra artística e formar parte do programa da Bienal de Cerveira cuxa inauguración oficial será o 25 de xullo. Moisés Rodríguez Pérez, concelleiro de cultura, agradece aos organizadores da Bienal de Cerveira por seguir contando coa cidade de Tui para realizar unha das mostras da Bienal, que permite que os tudenses e os nosos visitantes nestes meses de xullo e agosto poidan achegarse á arte contemporánea, ás novas tendencias da expresión artística.  Amais o feito de que neste ano a exposición ofreza as obras de 17 artistas portugueses é un motivo de satisfacción pois a Concellería de Cultura tudense ten como un dos seus obxectivos incrementar á comunicación cultural cos veciños de Portugal promovendo actividades de achegamento entre ambas ribeiras do Miño.

A organización da XV Bienal de Cerveira organiza ao longo de xullo e de agosto visitas guiadas aos diversos espazos expositivos, entre eles esta sala Municipal de Exposicións de Tui, que parten sempre en autobús do Forum Cultural de Cerveira. Oportunamente se indicarán os horarios desta visitas.